Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2024

O concerto de Al Bano abrirá mañá a programación no Palacio da Ópera, con entradas dispoñibles na web de Ataquilla

Unha ampla programación cultural e deportiva encherá os recintos da cidade por Semana Santa

Os centros cívicos e bibliotecas municipais contarán con actividades gratuítas para menores co obxectivo de facilitar a conciliación durante as vacacións

O Concello da Coruña prepara a celebración das festividades de Semana Santa cunha ampla programación cultural e deportiva nos diferentes recintos da cidade. O Goberno de Inés Rey oferta así actividades de ocio alternativo ás familias e visitantes á cidade durante os días festivos.

O concerto de Al Bano no marco da xira 'È la mia vita tour' abrirá mañá a programación no Palacio da Ópera. O italiano será a cita central da fin de semana previa á celebración das festividades santas, ás 20.00 horas con entradas dispoñibles en ataquilla.com. Ademais, previo ao concerto, o Centro Sociocultural Ágora e o Teatro Colón acollerán dúas actividades culturais máis. No marco do ciclo infantil 'Bebescena' terá lugar ás 11.30 no Ágora o espectáculo 'Coser y cantar' de Teloncillo Teatro; mentres que o Colón porá o punto musical cun concerto especial da Banda Municipal de Música, pechando a Semana do Cinema Galego con banda sonoras de filmes da comunidade. Será ás 12.15 horas con entradas a partir de 6 euros, dispoñibles en ataquilla.com. 

O luns 25 de marzo ás 20.00 horas o Ágora contará cunha nova cita no marco do Ciclo Literario Poetas Di(n)versos, co hondureño Rolando Kattan e o lucense Abraham Pérez. O martes 26 os coros infantil e xove da Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerán ás 19.00 horas no Teatro Colón un 'Concerto de primavera' con entradas dende 2 euros. E o domingo 31 de marzo no Palacio da Ópera a Orquestra Xove da OSG ofrecerá un concerto especial co soprano José Miguel Pérez-Sierra, con entradas dispoñibles en liña a partir de 10 euros. 

A programación cultural complétase cos ciclos de cinema do Fórum Metropolitano o domingo 23, con dúas sesións dos filmes 'La muit du verre d'Eau' (2023) de Carlos Chahine e 'Valhalla Rising' (2009) de Nicolas Winding Refn con proxección ás 17.30 e 20.00 horas.

Os Museos Científicos tamén acolleran unha programación con proxeccións de cine do 23 de marzo ao luns 1 de abril. Na DOMUS proxectaranse dous documentais gañadores nos Premios Prisma 2023. 'La mujer que soñaba con números' (2020) de Mirella R. Abrisqueta contará cunha doble sesión, ás 11.00 e 12.30 horas; e 'Maa-Yiem, la extraordinaria historia de Jordi Sabater Pi' (2022) de Alfonso Par cun único pase ás 17.30 horas.

En canto á Casa das Ciencias, no Planetario realizaranse as proxeccións de 'Lévame á Lúa', para máis de 10 anos, ás 11.30 horas; 'Más allá del Sol', de 6 a 12 anos, ás 13.00 horas; 'Hazelnuts, en busca del planeta perfecto', de 4 a 7 anos, ás 17.00 horas; e un programa en directo sobre o ceo desta época do ano ás 18.00 horas.

Ademais, todavía está aberta a exposición 1891-1895 Picasso na casa na Casa Museo Picasso. Unha mostra realizada por Coruña Gráfica con diferentes viñetas sobre a vida de Picasso na Coruña. O horario de apertura é de martes a sábado, de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas; e domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas.

Eventos deportivos

Durante a celebración das festividades de Semana Santa, A Coruña contará con diversas competicións deportivas nos diferentes recintos da cidade. Hoxe mesmo, sábado 23 de marzo, terá lugar a XII Edición Carreira da Torre - Coruña Corre dende as 17.00 horas.

Continuará o vindeiro luns 25 de marzo na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias co Campionato Galego de Fútbol - Seleccións Comarcais, dende as 9.30 horas nos Campos da Torre. E o martes 26 de marzo cunha nova cita futbolística, desta vez solidaria, coa celebración do I Memorial Fani Martínez #TanSóPorTi no polideportivo de Novo Mesoiro, a partir das 20.00 horas. A cita, organizada polo club Coruña 5 Fútbol Sala en colaboración co Concello da Coruña, donará todo o recadado á Asociación Contra o Cancro.

A programación deportiva concluirá os días 28 e 29 de marzo coa II edición da Copa Irene González Basanta na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, que reunirá aos mellores equipos do fútbol feminino de España.

Actividades de conciliación e público infantil

A través da rede de Bibliotecas e Centros Cívicos, o Concello da Coruña programou diversas actividades dirixidas ao público infantil co obxectivo de axudar ás familias coruñesas na conciliación durante as vacacións escolares de Semana Santa.

Programa 'Recuncho do xogo', dirixido a menores de 4 a 12 anos

Os Centros Cívicos acollerán o programa 'Recuncho do xogo' con diversas actividades dirixidas a menores de de 4 a 12 anos. Estas terán lugar os días 25, 26 e 27 de marzo, de acordo co calendario non lectivo previo á ponte de Semana Santa.

As actividades terán horario de 10.00 a 14.00 horas nos Centros Cívicos do Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Labañou, Mesoiro, Monelos, Monte Alto e Novoboandanza, Os Mallos, Palavea, Os Rosales e San Diego. E de 10.00 a 13.00 horas nos Centros Cívicos de Pescadores, Feáns, Sagrada Familia, A Silva, San Pedro de Visma, Santa Lucía e no Circo de Artesáns. No Castro de Elviña, o horario será de 11.00 a 13.00 horas.

Ofertarase unha praza en cada grupo para menores con necesidades educativas especiais (NEE) ou discapacidade, en grao que non lles impida participar nas actividades co grupo, que contarán con monitores de apoio para tarefas pedagóxicas, non acometendo funcións médicas ou hixiénico-sanitarias.

'Contos en familia' de Cris de Caldas e Xabi do Camiño (de 1 a 3 anos)

O vindeiro martes, 26 de marzo, o Centro Ágora acollerá a actividade 'Contos en familia' de Cris de Caldas e Xabi de Camiño orientada a nenos e nenas de entre 1 e 3 anos (ambos incluidos).

A actividade terá dous pases, un ás 17.00 e outro ás 18.30 horas na aula 8 do Ágora. Os menores deberán estar acompañados dunha persoa adulta, como mínimo, durante a celebración da activividade.

'Bebencontro' (0-12 meses) e 'Merendas con contos' (de 3 a 7 anos) nas Bibliotecas

O Concello programou actividades nas bibliotecas orientadas a nenos e nenas. No marco do programa 'Bebencontro', de 0 a 12 meses, as bibliotecas do Fórum Metropolitano e Ágora acollerán unha xornada o sábado 23 de marzo, ás 11.30 horas en ambos espazos.

Ademais, no marco de 'Merendas con contos', orientado a nenos e nenas de 3 a 7 anos, realizarase a lectura do 'Caracol enamorado' os días 23, 25 e 26 de marzo en diferentes Bibliotecas. Estas son, por día e hora: O sábado 23 de marzo, ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal de Mesoiro e ás 18.00 horas na Durán Loriga. O luns 25 de marzo, ás 18.00 horas na biblioteca da Sagrada Familia e o martes 26 no Fórum Metropolitano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión