Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de abril de 2018

No evento, no que se debaterá sobre o futuro do horizonte litoral da cidade, presentaránse, ademais, os resultados da primeira fase de investigación sobre os posibles usos da fachada atlántica, na que se realizaron 60 entrevistas a distintos axentes implicados na materia

O alcalde salienta, na presentación do programa do Foro Tecendo Litoral, a importancia "de que cidadanía e administracións se impliquen, de forma conxunta, na construción do novo horizonte litoral da cidade"

O rexedor, acompañado do e da concelleira de Participación e Rexeneración Urbana, convidou á veciñanza a participar nas xornadas que terán lugar en Palexco os próximos días 27 e 28 de abril, onde haberá até 19 relatores e relatoras e representantes doutras cidades portuarias como Bilbao, Valencia, Barcelona, Saint Nazaire e Mallorca

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a responsable de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron este martes o programa do Foro Cidadán Tecendo Litoral, evento que se celebrará na cidade os vindeiros días 27 e 28 de abril, que está chamado a ser un espazo de reflexión aberto a toda a cidadanía sobre o futuro do horizonte litoral e no que, ademais, se presentarán os resultados dos traballos de estudo e investigación realizados na primeira fase deste proxecto de cara a analizar as distintas posibilidades dos terreos portuarios unha vez se vaian desafectando. O rexedor convidou á veciñanza a participar neste acto, no que intervirán 19 relatores e relatoras do ámbito da arquitectura, o urbanismo, a pesca, a economía, a innovación, a historia, a arqueoloxía e o tecido social e manifestou que "procesos coma este son as que definen o noso modelo de cidade". "Hai cidades que se pactan nos reservados dun restaurante. Hai cidades que se pintan nunha servilleta e logo pagan a factura durante décadas. Hai cidades que collen atallos, pero tamén hai cidades que apostan polo diálogo e polo debate cívico, pola construción colectiva, por contar con todas as voces e todas as mans á hora de tomar as súas decisións estratéxicas, aínda que iso supoña ir a outro ritml o e renunciar a algunhas cousas. A Coruña é agora unha destas cidades, unha Coruña Próxima", comentou. O programa do Foro Cidadán está xa dispoñible na páxina web www.coruna.gal/tecendo-litoral e as persoas que así o desexen poden inscribirse nas xornadas a través mesma, así como solicitar, se o necesitan, servizos de interpretación en linguaxe de signos e de conciliación.

Á espera de resposta

O mandatario local informou ademais de que, dende hai xa semanas, o Concello está a convidar aos distintos actores implicados no futuro do bordo litoral a participar nestas xornadas. A este respecto, indicou que, "ademais do convite que hoxe facemos estensible a toda a cidadanía, confiamos en que tanto o presidente da Xunta como os de Puertos del Estado e Autoridade Portuaria atendan o convite formulado, como xa fixo o reitor da Universidade da Coruña". Ao fío, Ferreiro insistiu no traballo que está a levar a cabo o Concello da Coruña con respecto á definición dos usos e a titularidade do bordo litoral da cidade, "tentando facelo dende a suma, tanto da cidadanía como das institucións públicas". Neste punto recordou que "igual que este foro ten como cometido implicar ao conxunto da cidadanía no debate sobre o futuro do noso horizonte litoral, o protocolo de colaboración para a constitución dun consorcio que lle trasladamos a finais do ano pasado a todas as adminitracións tiña un cometido análogo, como era implicar ao conxunto dos poderes públicos na construción dun novo horizonte litoral para a cidade". "A esta hora seguimos agardando a resposta tanto de Fomento como da Xunta de Galicia", dixo.

Programa

Ademais de contar con 19 relatores e relatoras de distintos ámbitos relacionados todos eles co futuro do horizonte litoral, o programa do foro contempla a participación de representantes de distintas cidades portuarias, que experimentaron procesos similares ao que agora intenta construír A Coruña dende a colaboración. É o caso de Bilbao, Barcelona, Saint Nazaire, Mallorca e Valencia. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, salientou que "este evento é unha oportunidade para coñecer mellor o litoral da cidade e, sobre todo, para achegar información de calidade para que a cidadanía poida involucrarse nestes procesos longos de planificación territorial". "O que estamos facendo, con este foro, e con todo o proceso posto en marcha de Tecendo Litoral é tentar construír unha base sólida a partir da que elaborar unha proposta de consenso, unha árbore con raíces fortes e sás, todo o contrario do que se pretendeu cos convenios firmados de 2004 que hipotecaban o futuro da cidade e o seu patrimonio".

Por outra banda, Varela salientou o "alto nivel" de todos e todas as poñentes que participarán no foro, que tamén contará con espazos de debate para a cidadanía. Así, destacou a presenza de Ibon Areso, ex alcalde de Bilbao e principal implicado na rexeneración da rúa e o impulso do Guggenheim; Josep Bohigas, director de Barcelona Rexional; Stéphane Bois e Samuel Soriano, do polo metropolitano Nantes-Saint Nazaire, área metropolitana francesa con paralelismos coa coruñesa; Ramón Marrades, de Marina Valencia, organismo que traballa nun modelo de xestión conxunta dos terreos portuarios, entre distintas administracións, así como representantes de AZTI, o centro tecnolóxico de investigación aplicada do País Vasco. Ademais disto, o Foro contará "con axentes locais e metropolitanos cun fondos coñecemento do litoral da cidade", como Javier Sanz, Adina Dumitru, Carlos Nárdiz ou Xurxo Souto entre outros persoeiros.

As distintas fases do proceso

Á marxe das xornadas do foro, a concelleira de Participación, Claudia Delso, salientou todo o proceso que se está a desenvolver dentro do proxecto Tecendo Litoral. Investigación e diálogo sobre o futuro da Coruña e os seus peiraos, e que conta con distintas fases. Así, recordou que durante o proceso de investigación posto en marcha entre novembro e marzo deste ano (e que constitúe a primeira fase)  se levaron a cabo 60 entrevistas realizadas a persoas e organizacións cualificadas, así como "se desenvolveron catro grupos de discusión e unha xuntanza de carácter informativo con entidades". "As liñas de traballo que se abordaron, tamén á hora de escoller e realizar as entrevistas, baseánse en principios como a memoria e a identidade colectiva, o territorio, entendido este dende a perspectiva do urbanismo e a mobilidade, a sustentabilidade e a economía", comentou a edil, que tamén recordou que "se estudaron, ademais, os exemplos de moitas cidades portuarias que abordaron procesos similares como é o caso de Donostia, Seul, Brest, False Creek e Granville".

"Ademais da segunda fase deste proceso, composta pola propia celebración do foro, en maio celebrarase a última fase deste, na que presentaremos un resumo executivo coa análise, diagnose e conclusións tiradas de todas as actividades anteriores", recordou.

Documentos:

Programa do Foro Cidadán Tecendo Litoral (741 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión