Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2019

O Concello mantén aberto até o domingo 3 de febreiro o prazo de inscrición ordinario do XI Medio Maratón Coruña21

As persoas participantes poden asistir nas fins de semana a adestramentos colectivos para a preparación desta proba e da Coruña42, que se celebrará o 14 de abril

A Coruña acollerá o domingo 17 de febreiro a undécima edición do Medio Maratón Coruña21, proba incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). A carreira, que percorrerá un ano máis o núcleo urbano do termo municipal, terá a súa saída e meta no Cantón Grande e contará cun trazado de 21.097,50 metros homologado pola RFEA. As e os atletas sairán contra as 10.00 horas cara á avenida Linares Rivas, para continuar pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, punto no que darán a volta até chegar á rotonda das Ánimas. Unha vez alí, regresarán ao Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar ás Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo - Pelamios, até a altura do cemiterio de San Amaro. Desde este punto encararán os últimos tres quilómetros de Coruña21 até chegar á meta.

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que o prazo de inscrición ordinario estará aberto até as 23.59 horas do vindeiro domingo, 3 de febreiro, a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com. A cota de inscrición, neste período, será de 15 euros e, como é habitual nas probas municipais, darase a posibilidade de obter a bonificación do 50% ao colectivo de persoas maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas. A continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 4 ao 10 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos. No Medio Maratón Coruña21 poderán participar as persoas maiores de 18 anos, cuxa participación establecerase a través das seguintes categorías: Sub20 (2000-2001), Sub23 (1997, 1998 e 1999), Senior (desde 1996 e anteriores até a primeira categoría Master) e até sete modalidades Máster segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--. Ademais, como é habitual nas últimas edicións da proba, manterase o carácter accesible da mesma o establecer tamén unha categoría de atletas con diversidade, para nadas e nados en 1997 e anos anteriores --as cadeiras de rodas deberán cumprir a normativa do IPC Athletics--.

Maratón Atlántica

Por outra banda, o Concello lembra que o domingo 14 de abril celebrarase o VIII Maratón Atlántica Coruña42 --que forma parte tamén do calendario oficial da RFEA--, que inclúe tamén a carreira popular de 10 quilómetros coñecida como 10K. De cara a favorecer a participación na proba de longa distancia, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, en colaboración co Club Hércules Termaria, organiza por segundo ano consecutivo unha serie de adestramentos abertos á veciñanza, cuxas datas e horarios pódense consultar no web municipal de Carreiras Populares.

A inscrición para participar no Maratón Atlántica estará aberto até as 23.59 horas do 31 de marzo tamén no web da FGA, www.carreirasgalegas.com. A cota será de 25 euros até esta data ou até acadar as 1.500 persoas inscritas --no caso dos e das atletas con licenza da FGA, para o Campionato Galego, será gratuíta e deberán facelo a través do enlace https://isis.rfea.es/sirfea2--. Ao igual que no caso da Coruña21, todas aquelas persoas maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas que queiran participar, poderán solicitar a bonificación do 50%, a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión