Planta da estrutura oval
A Estrutura oval
Unha construción de carácter colectivo
A Estrutura oval foi escavada por primeira vez en 2003, aínda que non foi completamente exhumada ata 2018. Trátase dunha edificación de grandes dimensións (máis de 60 m2), asentada sobre unha fase antiga de muralla. O edificio presenta un banco corrido encostado á cara interior do muro, ademais dun acceso de grandes dimensións (máis de 2 m). Conta cun patio exterior na súa área sueste, cun rebaixe de forma cadrada no afloramento no medio deste espazo.
A construción desta estrutura representa a complexidade do urbanismo interno de Elviña, ademais da súa gran relevancia no mesmo. Sabemos que é unha construción posterior á estruturación da muralla da croa e do seu acceso, sendo construída nesta localización de forma consciente e con intención de separar este espazo da zona norte a través dun muro que impide o acceso. Ao mesmo tempo, o camiño empedrado que lle dá servizo á croa estrutúrase ao redor del en zig-zag, remarcando a súa relevancia.
Un edificio colectivo e asembleario
Esta edificación considérase como unha estrutura de carácter colectivo, destinada a acoller parte da poboación do castro (quizais baixo algún tipo de criterio de status, rango ou condición) en determinadas circunstancias. Este feito sinálase atendendo á existencia dun banco corrido, un indicador arqueolóxico de edificacións relixiosas ou asemblearias na Idade do Ferro. Outros aspectos como a ausencia de elementos domésticos no interior, a presenza dun van de grandes dimensións e dun patio con posible funcionalidade cultual apuntan nesta mesma dirección.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible