Un complexo desenvolvemento arquitectónico
O urbanismo do Castro de Elviña mostra un contexto excepcional que transcende ao habitual nun castro da Idade do Ferro. Un dos aspectos que máis resalta é a súa organización interna: as distintas liñas de muralla, de gran monumentalidade, definen e articulan un espazo ben estruturado cun sistema de tránsito e acceso estruturado de forma conxunta. Este feito ponse de manifesto a través do acceso exterior situado no suroeste, un conxunto de máis de 35 metros de longo con varios torreóns e tres portas, aliñado de forma clara co acceso da croa.
O feito de que o castro se reformulase, amortizando por completo un poboado anterior, xa sinala a intencionalidade de establecer un patrón uniforme de urbanismo. Con todo, este feito vese remarcado pola existencia de obras de intendencia internas do asentamento. A existencia de estruturas de drenaxe e canalización, espazos de abastecemento de auga como o alxibe, edificacións de carácter público, espazos de tránsito... son elementos sintomáticos dunha percepción da planificación urbana que transcende o habitual dun castro e que nos sitúan nun contexto de gran capacidade política por parte dos colectivos de poder do momento.
O urbanismo de Elviña é un dos aspectos que máis destaca o seu valor como oppidum, un asentamento cunha complexidade interna que, probablemente, implicaría o desenvolvemento dun modelo social quizais máis xerarquizado do esperado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible