Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de xaneiro de 2019

A Coruña amosa a súa vontade de desenvolver accións de promoción turística conxuntas e complementarias con Bilbao “logo da recuperación das conexións aéreas”

O alcalde, Xulio Ferreiro, así como o presidente e a xerenta do Consorcio de Turismo mantiveron unha xuntanza en FITUR cunha delegación bilbaína, encabezada polo seu rexedor, Juan Mari Aburto. O concelleiro Alberto Lema salientou, nunha xuntanza co Clúster de Turismo de Galicia, “a aposta conxunta pola necesidade da coordinación aeroportuaria, así como polo turismo urbano”.

Os concellos da Coruña e Bilbao manifestaron este mércores, no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), o seu interese por desenvolver accións de promoción conxuntas e complementarias de cara a coñecer e favorecer os desprazamentos a ambos destinos, que este ano volverán a estar conectados vía aérea grazas aos enlaces que comezarán a operar en marzo e abril coas compañías Vueling e Volotea. O alcalde, Xulio Ferreiro --quen estivo acompañado polo presidente e a xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema e Lanzada Calatayud--, mantivo unha xuntanza a este efecto co seu homólogo en Bilbao, Juan Mari Aburto. Na mesma, tamén participaron o concelleiro de Promoción Económica do concello vasco, Xabier Otxandiano, e o director de Promoción Externa e Marketing de Turismo de Bilbao, Juan Baliño. Ambas delegacións recoñeceron a importancia da recuperación da conexión aérea, que se perdeu en 2016, así como "a importancia de establecer accións que contribúan a acadar mellores resultados en canto ao posicionamento de marca e imaxe de ambos destinos de forma combinada".

"Somos destinos marcados polo mar, tanto na nosa industria como na forma de entender o deporte e o ocio. Ambos espazos non só poden xerar un fluxo de turistas dun lado a outro, senón que tamén poden ser entendidos como destinos complementarios", dixo o tamén concelleiro de Emprego, Alberto Lema, que recordou, ao fío, que este ano A Coruña acollerá a II Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras "dando visibilidade a un deporte que une especialmente a ambos pobos". "Somos dúas cidades con moitas similitudes, tamén no ámbito turístico, xa que somos enclaves verdes e azuis, cunha cultura propia, cosmopolitas e tamén xacobeas", destacou a xerenta, Lanzada Calatayud, quen incidiu en que Euskadi é a quinta comunidade que máis visitantes aporta á cidade da Coruña.

O presidente do Consorcio recordou, ao fío, que "a declaración de intencións acadada hoxe vai na liña do convenio de colaboración que estabelecemos o pasado ano coa cidade de Valencia, coa que tamén nos mantemos enlazados a través do aeroporto de Alvedro".

Por outro lado, a delegación coruñesa tamén mantivo un encontro no recinto feiral Ifema co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, así como con membros da directiva deste ente que pertencen ao sector turístico da cidade. "Tanto Clúster como Consorcio temos clara a necesaria coordinación entre os tres aeroportos galegos, que deben tender a unha oferta complementaria e non competitiva, algo que quedou evidenciado na xuntanza", salientou Lema, que destacou, do mesmo xeito, "a coincidencia á hora de destacar a necesidade de potenciar o turismo urbano". Neste sentido, a xerenta Calatayud quixo subliñar a "relación de colaboración cada vez máis fluída entre Consorcio de Turismo Clúster".

Á hora do fomento do turismo urbano Lema recorda a aposta, entre outras, que o Concello está a facer polo turismo city break, viaxes curtos que adoitan oscilar entre os 3 e os 5 días. "O ano pasado, de feito acudimos a Fly Valencia Meeting, unha feira organizada pola Confederación de Empresarios de Axencias de Viaxe (CEAV) para presentar a Coruña como destino tamén de escapada", dixo Lema, quen recordou que "a promoción da Coruña como destino turístico con cidades con enlace directo é unha das actuacións recollidas no Plan Estratéxico de Turismo (PET) co que conta o Concello dende o pasado ano".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión