Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de febreiro de 2019

A Coruña participa na Asemblea das European Cities Marketing, en Edimburgo, onde se analiza o impacto turístico dos eventos urbanos, “unha das apostas do goberno local este mandato”

O presidente do Consorcio, Alberto Lema, salienta algúns dos fitos turísticos deste 2019 na cidade, como as actividades ligadas ao décimo aniversario da Torre como Patrimonio da Humanidade, eventos deportivos e náuticos ou o Fórum Gastronómico

O presidente e a xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema e Lanzada Calatayud, participan esta semana en Edimburgo (Escocia) na asemblea da European Cities Marketing (ECM), asociación internacional que se adica a fomentar a promoción das cidades europeas dende o punto de vista do turismo urbano sustentable, unha das grandes potencialidades da Coruña segundo o propio Plan de Estratéxico de Turismo (PET). O foro, que se celebra entre os días 13 e 16, céntrase, nesta edición, nas experiencias das cidades na organización de eventos urbanos como instrumentos de captación de visitantes. O tamén concelleiro de Emprego, Alberto Lema, salienta que "esta é precisamente unha das apostas levadas a cabo polo Concello ao longo deste mandato".

"Estes anos, tanto o goberno local como o Consorcio de Turismo puxo en marcha distintos eventos de carácter deportivo, cultural e musical, complementarios á oferta turística propia da Coruña e que se converteron nun polo de atracción de visitantes que exporta esa imaxe de Coruña sostible e de vangarda", di Lema, que destaca tanto a descentralización nos barrios da cidade do Festival Noroeste, como os eventos relacionados cos deportes náuticos e urbanos, a celebración dunha nova edición da Tall Ships Race ou as citas gastronómicas. "Sen ir máis lonxe, este 2019 volvemos a ter unha axenda repleta de eventos de diversa índole que van achegar turistas. É o caso de todas as actividades ligadas ao décimo aniversario da Torre como Patrimonio da Humanidade, o Campionato de España de Triatlón, unha nova edición do Fórum Gastronómico ou a nova edición do Noroeste, que xa ten confirmada a actuación de balde, na praia, dun icono como Patti Smith", comenta.

A asemblea da ECM servirá tamén para que o presidente do Consorcio tome coñecemento das experiencias doutras cidades. Está previsto que expertos e expertas internacionais falen da creación e desenvolvemento de eventos como o Oktberfest de Munich, o festival de música de Salzburgo, o marathon de Valencia ou o festival de videoxogos de Malmö. Ademais, e no marco da reunión, a ECM presentará o Event Impact Calculator, un medidor do impacto de eventos que ten como fin analizar a repercusión económica que estas actividades xeran nas cidades.

O Consorcio de Turismo da Coruña entrou a formar parte da rede European Cities Marketing hai un ano, na asemblea celebrada en Reykjavik (Islandia), onde a súa candidatura de adhesión foi avalada por cidades punteiras no sector turístico como Barcelona e San Sebastián.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión