Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2019

A Oficina Municipal de Información ao Consumo tramitou o pasado ano 989 reclamacións, o 84% relacionadas coa subminstración de servizos

Este servizo respondeu tamén a máis de 15.000 consultas de persoas consumidoras e realizou accións formativas sobre consumo seguro e responsable que chegaron a 14.482 persoas

A Oficina Municipal de Información ao Consumo (OMIC) rexistrou durante o pasado ano 16.186 actuacións, que na súa maior parte estiveron relacionadas con servizos. Destas actuacións, 15.197 corresponderon a consultas informativas e 989 foron reclamacións, nas que se chegou a acordos favorables grazas á intermediación da OMIC no 51% dos casos. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salienta que o traballo da oficina "permite ofrecer un servizo público moi próximo e útil para a cidadanía, que combina o acompañamento e a resolución de situacións que menoscaban os dereitos das persoas consumidoras cun programa amplo para a educación nun consumo seguro e responsable".

A oficina encargouse da tramitación directa do 95% das reclamacións interpostas que obtiveron resposta, nun 86% dos casos, antes de 60 días. Estas actuacións permitiron devolver 167.602 euros ás persoas reclamantes. A subministración de servizos centrou o 84% das reclamacións e os produtos o 16% restante. Por sectores, son as empresas de telecomunicacións as que máis denuncias motivaron, seguidas das da enerxía. No eido das consultas tamén os servizos manteñen a maioría, xa que supuxeron o 69% das mesmas fronte ao 31% referidas a produtos. O 43% das consultas foron realizadas por homes e o 57% por mulleres, mentres que no caso das reclamacións as porcentaxes distribúense entre o 48% feitas por homes e o 52% presentadas por mulleres.

Tal e como sinala Lema, a actuación directa da OMIC ante cuestións formuladas polas persoas consumidoras "compleméntase cunha actividade de difusión de información e un programa de formación no consumo seguro, tanto para persoas adultas como para escolares, que chegou a 14.482 persoas". Así, durante o pasado ano, a OMIC organizou 345 actividades que tiveron unha asistencia de 7.191 persoas adultas. No eido escolar, realizáronse 309 obradoiros dentro da iniciativa Educa, nos que participaron 6.755 nenos e nenas, e un escola de verán con 75 participantes. Ademais, a oficina realizou outras 32 charlas informativas ás que asistiron 361 persoas.

A oficina municipal levou a cabo tamén varias accións que inciden na difusión dunha cultura de consumo responsable como foron a creación dunha campaña para o Día Mundial das Persoas Consumidoras, que se celebra cada 15 de marzo. No pasado ano, a OMIC realizou 18 actividades de formación sobre a responsabilidade no consumo de enerxía, unha campaña sobre impacto ambiental, un foro de Consumo e Alimentación Saudable e unha nova edición de A Casa dos Xoguetes, a iniciativa de Nadal que fomenta a economía circular. Neste ano, para conmemorar o día das Persoas Consumidoras que se celebra mañá, a OMIC levará a cabo a campaña de sensibilización Fagamos grande a letra pequena, que terá lugar na segunda quincena do mes de marzo nos centros escolares e que emprega o teatro para abordar conceptos cotiás de consumo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión