Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de febreiro de 2019

Concello e entidades integrantes do Pacto Local polo Emprego levaron a cabo accións formativas durante o pasado ano que derivaron na inserción laboral de máis de 1.300 persoas de colectivos con dificultades

O alcalde salientou os datos colleitados por este organismo “cuxo obxectivo é dar soporte e deseño ao Plan de Emprego Municipal”, que centrou a súa actuación en favorecer a inserción laboral dende unha perspectiva social

O Pazo de María Pita acolleu esta mañá unha reunión de todos os actores integrantes do Pacto Local polo Emprego, no que se atopan tanto representantes do goberno local como de 25 entidades con implicacións no sector, entre sindicatos e asociacións do ámbito empresarial e social. Na mesma, fíxose balance das actuacións postas en marcha ao longo de todo o pasado 2018, que estiveron centradas, fundamentalmente, en favorecer tanto a capacitación como a empregabilidade dos colectivos da cidade con maiores dificultades de acceso ao mercado. Así, o alcalde, Xulio Ferreiro, salientou o feito de que ao longo de todo o exercicio e, en base aos programas e accións de acompañamento e formación levadas a cabo, 1.368 persoas (un 51,1% mulleres) conseguiron inserirse no mercado laboral. O rexedor quixo agradecer o labor de todas as entidades asinantes do Pacto que, ademais de estar fomentando a contratación de veciños e veciñas da cidade, "están a xerar postos de traballo especializados en orientación e intermediación laboral nas propias organizacións, xa que 94 persoas traballan en proxectos de promoción de emprego".

Tanto o primeiro edil como o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salientaron a aposta que o goberno local fixo dende a súa chegada a María Pita "por deseñar un Plan de Emprego que, en base ás limitadas competencias en materia laboral que teñen as administracións locais, debía centrarse, de forma principal, en aquelas veciñas que sempre estaban á cola, ás que pertencen aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado laboral, como mocidade, mulleres, parados de longa duración ou persoas con diversidade". "O Pacto polo Emprego tivo esta situación moi presente e así o amosan os datos. O 73% das persoas beneficias dos servizos de emprego das entidades sociais do Pacto pertencen aos colectivos con maiores dificultades de inserción", salientou o edil, que destacou que o 43,2% das persoas orientadas eran, ademais, maiores de 45 anos. "Así mesmo, o 37% das persoas atendidas pertencen ao colectivo migrante, outros dos segmentos de veciñanza que teñen maiores dificultades de inserción", engadiu.

Entre outros datos, o titular de Economía salientou que, ao longo de 2018, 2.805 persoas (1.470 mulleres e 1.335 homes) participaron nalgunha das accións de capacitación profesional desenvolvida polas entidades do Pacto. Ademais, leváronse a cabo 74 accións distintas de formación para o emprego, nas que participaron 966 persoas e que supuxo que estas realizasen 23.035 horas lectivas, das que 5.868 horas foron prácticas en empresas. "A formación para o emprego estase a complementar con prácticas titorizadas nun entorno laboral. Este aspecto é moi positivo, tendo en conta que o obxectivo deste tipo de formación é a capacitación profesional para a inserción laboral. O traballo en empresas é unha vía fundamental de inserción", destacou.

O alcalde tamén chamou a atención sobre distintos programas, nados ao abeiro deste traballo colaborativo, que tratan de fomentar o acceso ao mercado laboral, como é o caso de Imos aos Barrios, que trata de aproximar o coñecemento dos servizos de emprego á cidadanía (e no que o pasado ano participaron 186 persoas) ou o distintivo de responsabilidade social empresarial Coruña Emprega, que pretende recoñecer e visibilizar a responsabilidade do tecido empresarial nos procesos de inserción laboral.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión