Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de xaneiro de 2019

O alcalde avanza en Fitur que A Coruña celebrará no mes de xuño o décimo aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade con espectáculos de música, luz e son, eventos gastronómicos e exposicións

Xulio Ferreiro presentou algunha das citas relacionadas coa cultura, o deporte ou a gastronomía que terán lugar na cidade nos vindeiros meses, acompañado do presidente e a xerenta do Consorcio de Turismo, Alberto Lema e Lanzada Calatayud, entre os que destaca o Campionato de España de Tríatlón, que volve á cidade, a II Bandeira Cidade da Coruña de Traiñeiras ou unha nova competición de deporte urbano. A oferta cultural conta xa cunha cita para o Festival Noroeste, no que Patti Smith subirá ao escenario o 9 de agosto, mentres que a gastronómica se reforzará coa celebración do Fórum Gastronómico no mes de marzo.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu a coñecer esta mañá na Feria Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid a oferta turística da cidade para o presente ano, no que se conmemora o X aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O rexedor, que estivo acompañado polo presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a xerenta do mesmo, Lanzada Calatayud, fixo unha introdución das grandes citas que acollerá A Coruña nos vindeiros meses relacionadas coa cultura, a gastronomía, o deporte ou o patrimonio e entre as que destacou a celebración da década do faro romano como Patrimonio da Humanidade. "Durante o mes de xuño teremos no entorno da Torre  unha programación que resaltará e combinará a relevancia do faro co carácter da cidade. Iso significa que haberá música, encontros gastronómicos e espectáculos de luz e son, pero tamén exposicións e encontros para reflexionar sobre o seu valor", avanzou.

Nun acto no que tamén participou o guía local Suso Martínez, que interpretou á figura de Míl Espáine, neto de Breogán e antecesor do pobo irlandés na súa mitoloxía, coa que realiza visitas guiadas á Torre de Hércules, Ferreiro lembrou que A Coruña, "xurdiu e creceu a partir dun faro, que leva dous mil anos alumeando a nosa costa, que é orixe de lendas e que situou a cidade nos mapas de navegación". A súa relevancia, apuntou o alcalde, non se limita a ser "o principal símbolo da cidade, senón que combina a faceta turística, na que recibe a 125.000 visitantes ao ano, coa histórica e ambiental". "Aos seus pés atópase unha das contornas naturais máis apreciadas da cidade, unha zona de esparexemento para visitantes e locais pero tamén refuxio de gran cantidade de animais e plantas. Un espazo no que traballamos para a súa conservación e protección, porque a conservación dos seus valores é fundamental para crecer mantendo a nosa esencia", afirmou. Un patrimonio que o rexedor convidou a descubrir "dunha maneira singular", como fixeron no pasado ano máis de 7.000 persoas, a través dalgunhas das visitas guiadas que organiza o Consorcio de Turismo da Coruña, nas que personaxes como María Pita, Sir John Moore ou o propio Míl Espáine guían os pasos dos e das visitantes. "Non se pode deixar atrás a visita ao cemiterio de San Amaro, un camposanto xunto ao mar e dos máis antigos de Europa que mantén a memoria de moitos dos homes e das mulleres que marcaron a historia da cidade. A súa espectacular visitar nocturna guiada ten unha lista de espera de máis de seis meses", explicou.

O alcalde enxalzou tamén a oferta cultural da cidade, tanto á ligada á historia e ao patrimonio, como o Camiño Inglés, como a eventos de ocio, entre os que salientou a festa de Interese Turístico Internacional de San Xoán e o Festival Noroeste. "O Consorcio de Turismo continúa a impulsar a difusión e a internacionalización do Camiño Inglés, un itinerario que no ano pasado triplicou a súa afluencia" pasando de 120 persoas en 2017 a 336 no 2018 e das que o 25% chegaron dende o estranxeiro. "Este traballo, no que continuaremos afondando, foi recoñecido pola Xunta de Galicia nos premios Camiño de Santiago polo labor creativo na divulgación e difusión", lembrou. Ferreiro explicou a relevancia do litoral na cidade, en especial no tempo de esparexemento, para presentar unha das citas do verán, o Festival Noroeste, "que recoñece o valor das mulleres creadoras cun cartel eminentemente feminino". "Un protagonismo que non é máis que a tradución dunha realidade que precisa de máis espazos nos que reflectirse", apuntou. O cartel para a edición deste ano, que se celebra do 6 ao 11 de agosto, ten xa o seu primeiro nome confirmado, Patti Smith, "unha das traxectorias máis sólidas, máis comprometidas e máis brillantes da música e da cultura actuais". A estadounidense actuará na praia de Riazor o día 9 de agosto, nun concerto gratuíto. Neste evento, como todos os que organiza o Concello, o Goberno local aposta por implementar as medidas precisas para que se realicen da maneira máis sostible,  co menor impacto ambiental posible "e no que se sensibilice para non facer pagar ao noso mar as consecuencias das festas".

No seu discurso, o rexedor incidiu na gastronomía "como un dos principais reclamos da cidade", da que dixo, "alberga unha oferta inacabable e que ole a océano". "Se o pasado ano estreamos unha proposta propia impulsada dende o Consorcio de Turismo como foi o Festival SAL, que se celebra cada dous anos, no 2019 acolleremos a celebración do Fórum Gastronómico, do 10 ao 12 de marzo, que reunirá na súa cuarta edición na Coruña á vangarda da cociña, e na que terán espazo as propostas que se poden atopar na cidade", avanzou. Tanto a oferta gastronómica de bares e restaurantes da cidade como esta cita está "potenciadas con varias citas xa ineludibles" como son Lacónicas, Bo en Boca, o festival Picadillo e o Boucatise.

Eventos deportivos e congresos

Ao fío das características que fan da Coruña un escenario axeitado para múltiples eventos, Ferreiro presentou a cidade como "unha infraestrutura deportiva perfecta para todas as idades, todas as condicións e durante todo o ano". Un escenario no que este ano se celebrarán, por segunda edición consecutiva, o Campionato de España de Triatlón, ademais dunha competición de "deporte urbano de primeiro nivel". Ademais, A Coruña acollerá a primeira edición da Copa de España de Marcha Nórdica e a II Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras, así como o Maratón Atlántica Coruña42, que se celebra o vindeiro 14 de abril. "O seu carácter atlántico, os elementos patrimoniais, os equipamentos singulares e a oferta hoteleira converten a nosa cidade na anfitrioa perfecta para a organización de congresos", salientou, antes de comunicar que A Coruña recibirá nos vindeiros meses unha ducia de convencións, entre as que salienta o Congreso Nacional de Nefroloxía, con máis de 2.000 participantes.

Durante o acto, o alcalde destacou a relevancia da Coruña como cidade portuaria e de transporte de viaxeiros, que tivo especial afección no pulo do Camiño Inglés. "Hoxe en día a nosa cidade segue ocupando un espacio referencial nas principais rutas de tráfico marítimo. Neste 2019, chegarán en cruceiro 190.000 persoas ao noso porto, o que converte A Coruña nun dos principais destinos do Estado, con 120 escalas xa confirmadas", indicou. Neste sentido, Ferreiro apuntou que o tráfico de viaxeiros á Coruña crece tamén por vía aérea, "xa que Alvedro rematou 2018 como o mellor ano da súa historia", e vaticinou un novo bo ano para a terminal. "O aeroporto experimenta un crecemento en todos os ámbitos, en asentos, pasaxeiros e conexións, e incorpora este ano dúas novas rutas a Bilbao e Málaga", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión