Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2019

O alcalde salienta que os estudos turísticos avalan a xestión e o comportamento “moi positivo” do sector na cidade, “que é considerada como o principal destino de Galicia”

O Consorcio de Turismo presentou esta mañá as conclusións da enquisa de demanda turística na cidade, que revela que o perfil da persoa visitante procede do Estado de maneira maioritaria, pasa na cidade 4,2 días e gasta unha media de 56,3 euros

O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá, xunto co presidente do Consorcio de Turismo e edil de Emprego, Alberto Lema e a xerenta do ente, Lanzada Calatayud, na presentación dos estudos turísticos municipais, que avalían o comportamento da cidade neste eido e aportan indicadores para planificar a acción municipal. Os estudos, realizados en colaboración da Escola de Turismo, "veñen a reafirmar que o comportamento deste sector na Coruña é moi positivo", tal e como resumiu o rexedor. "Ademais da información que obtivemos do perfil de turistas, estes traballos permítennos confirmar que a satisfacción das e dos visitantes sobre a nosa cidade é moi alta e que practicamente todos os elementos que conforman a oferta turístico-cultural da cidade melloran en puntuación con respecto ao ano pasado", indicou Ferreiro, que salientou tamén que os datos das enquisas "achegan tamén que A Coruña é considerada o principal destino de Galicia".

O rexedor lembrou que o crecemento turístico da cidade, que segue a liña marcada polo Plan Estratéxico de Turismo (PET), estase a facer "dende un punto de vista sostible, creando emprego e sen crear problemas aos veciños e ás veciñas da cidade xa que o propio plan nos permite planificar a actividade turística xunto aos sectores do sector". Neste sentido, Ferreiro resaltou que tanto os datos propios como os de Exceltur, que se publicaron a pasada semana e que sitúan o comportamento da Coruña como superior á media do Estado, "demostran que as cousas se están facendo ben dende o Concello, que a actividade económica medra grazas tamén ao impulso do Consorcio de Turismo".

Ferreiro explicou que unha das liñas de acción do PET é precisamente a creación dun sistema de obtención de información turística, na que se enmarca a realización destes informes, e que ten como obxectivo "coñecer o impacto económico do turismo na cidade a través da organización de certos eventos e xerar información primaria de enquisas para coñecer o perfil dos nosos visitantes". Neste sentido, o presidente do Consorcio explicou que os informes aportan "unha serie de indicadores e marcadores que dan indicacións sobre de onde proceden, por que escollen o destino e que percepción teñen da cidade os e as turistas". "Son estudios que antes non existían e que nos permiten saber cales son os puntos febles e fortes da cidade segundo a experiencia do turista e cal é a súa evolución. Estamos creando ese repositorio, unha foto evolutiva para que quen mañá teña as responsabilidade poida actuar con coñecemento empírico dun sector que é máis complexo do que a xente pensa", explicou Lema.

O principal destino

Os datos que se reflicten nas 2.285 enquisas elaboradas polo alumnado da Escola de Turismo entre os meses de xullo e setembro de 2018 apuntan como unha das principais conclusións que, aínda que Galicia é o principal destino da viaxe, A Coruña se sitúa como principal destino turístico de Galicia, cun 28,8% dos votos, e por riba de Santiago, que alcanza un 16,1%. O perfil de visitantes é maioritariamente español (84,7%) cun 10,9% de Galicia e un 73,80% procedente doutras comunidades, principalmente Madrid, Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana, e un 15,30% de estranxeiros, entre os que destacan os que chegan de Arxentina, Portugal, Francia e Reino Unido. As enquisas apuntan tamén a que o visitante escolle preferentemente un aloxamento en hoteis de catro e cinco estrelas e pasa na cidade unha media de 4,24 días.

No que se refire ao gasto diario durante a súa visita, os datos indican que a cantidade media de turistas e excursionistas é de 56,33 euros. Os índices reflicten que a percepción da cidade por parte dos e das turistas pode considerarse como moi positiva xa que a cualificación global é dun oito sobre dez e os e as visitantes volverían a visitar A Coruña nun 98,7% dos casos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión