Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xaneiro de 2019

O reitor, o alcalde e a subdelegada do Goberno na Coruña presentan ao Ministerio de Defensa o proxecto Cidade das TIC para a fábrica de armas

No encontro acordouse crear de forma inmediata unha comisión de traballo formada por representantes do Ministerio de Defensa, da Universidade da Coruña e do Concello da Coruña para ver como se articula o proxecto Cidade das TIC e buscar a fórmula xurídica para a súa materialización.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou esta mañá ao secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares, no Ministerio de Defensa, o proxecto "Cidade das TIC" que estaría ubicado nos terreos da fábrica de armas. Á reunión asistiron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; o deputado socialista Ricardo García Mira, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, así como representantes dos traballadores e outras autoridades do Ministerio.

Na reunión, o secretario de Estado de Defensa informou de que xa está asinada a rescisión da actual concesión o que permite iniciar outras accións. Neste sentido, no encontro acordouse crear de forma inmediata unha comisión de traballo formada por representantes do Ministerio de Defensa, da Universidade da Coruña e do Concello da Coruña para ver como se articula o proxecto Cidade das TIC e buscar a fórmula xurídica para a súa materialización.

Tanto o reitor como o alcalde e a subdelegada do Goberno manifestaron a súa plena satisfacción co resultado da reunión, que permitirá a creación da Cidade das TIC nas instalacións da fábrica de armas.

O proxecto da Cidade das TIC xurdiu á iniciativa da Universidade da Coruña coa colaboración do Cluster TIC pola demanda das empresas do sector tecnolóxico de contar cun polo de innovación no que estivese presente a Universidade da Coruña. Neste polo centralizaríanse as empresas TIC interesadas en compartir espazo común, así como iniciativas de coñecemento e emprendedoras da Universidade da Coruña.

As empresas do sector TIC da área metropolitana da Coruña están en plena fase expansiva pola que necesitan novos espazos para ampliar instalacións e desenvolver novos servizos. A Cidade das TIC ubicaríase nas instalacións da fábrica de armas, nunha infraestrutura singular na que convivirían as empresas, a Universidade da Coruña e os centros tecnolóxicos asociados para xerar sinerxías e converter A Coruña e Galicia nun polo de innovación TIC con visión internacional. A súa ubicación, preto do Campus de Elviña, facilita a conexión e a colaboración con centros de Santiago, Vigo  e o polo aeronáutico de Lugo.

Este proxecto permitirá apoiar a industrialización nun territorio que perde peso industrial, reter o talento local e atraer talento internacional, así como potenciar un sector empresarial estratéxico para a área metropolitana da Coruña, cun efecto de dinamización da innovación noutros sectores como o téxtil, loxístico, portuario, alimentario, etc.

O proxecto da Cidade das TIC na fábrica de armas comprométese a manter a súa actividade industrial e os seus traballadores, complementado co polo de innovación que concentrará empresas dispersas do sector TIC para crear sinerxías, tamén servirá como acelerador da transferencia de tecnoloxía e innovación da Universidade ás empresas, e do crecemento de empresas start up e spin off de base universitaria, ademais de impulsar grandes proxectos TIC a escala global desde A Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión