Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xullo de 2017

Máis dun cento de unidades convivenciais da cidade benefícianse xa da Renda Social Municipal, “prestación pioneira fundamental na construción dunha sociedade máis xusta”

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, indicou que, de media, ao mes se incorporan 25 novas rendas sociais, cunha contía que sobrepasa os 456 euros

Na Coruña existen xa máis dun cento de unidades convivencias perceptoras da Renda Social Municipal, unha prestación pioneira posta en marcha polo Concello, que ten como obxectivo axudar a cubrir as necesidades básicas de persoas en risco de exclusión social que non poden optar a subsidios como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou similares. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, explicou este mércores en rolda de prensa que as cifras rexistradas a data 1 de xullo de 2017 indicaban, en concreto, que na cidade xa existían 98 unidades de convivencia beneficiarias, se ben nas últimas xornadas concedéronse catro rendas máis a mulleres, facendo un total de 102, número que segue medrando. "Estamos especialmente satisfeitas da posta en marcha dun programa que é pioneiro en todo o Estado. Un programa do que nestes momentos se benefician máis de cen persoas na cidade e que posibilita que teñan un apoio efectivo para poder saír da situación de vulnerabilidade na que se atopan, así como que poidan participar nos itinerarios de acompañamento programados para favorecer a súa plena inclusión", comentou a responsable municipal. "Non entendemos de recibo as críticas e lecturas interesadas a unha prestación que foi exemplo para moitos outros concellos de todo o Estado e na que seguimos traballando, de forma constante, para mellorar", manifestou. "Estamos satisfeitas coa súa posta en marcha, pero o noso obxectivo é máis ambicioso e pasa por seguir avanzando para que nesta cidade non exista ningunha persoa en situación de vulnerabilidade", engadiu.

Cameán manifestou que, dende a súa posta en marcha, a prestación municipal foi "evolucionando", así como mellorando os seus tempos e a súa tramitación. "O 30 de setembro do ano pasado abriuse o período para a recepción de solicitudes, tras moitos meses de traballo en colaboración coas entidades sociais da cidade e as traballadoras sociais do Concello. De forma paralela, e na medida na que puidemos debido ás restricións á contratación que sofren os municipios, fomos aumentando a dotación de medios humanos", recalcou. "Dende ese momento inicial, no que tamén había moito descoñecemento por parte dos e das propias solicitantes, até o actual, no que os períodos de tramitación se foron estabilizando, cada mes, de media, se pagan 25 novas rendas sociais municipais, a maiores das xa tramitadas", apuntou. En concreto, no mes de abril comezaron a darse 25 rendas novas, 26 en maio, 18 en xuño, e 28 no mes de xullo.

Contía media

A titular de Xustiza Social recordou que a Renda Social Municipal adáptase ao caso de cada persoa, establecéndose uns límites baseados no 100% do IPREM (indicador a nivel estatal empregado para o pago de axudas e subsiduos) para as unidades de convivencia dun só membros e do 200% do IPREM segundo o número de membros da unidade convivencial. Neste momento, a contía media que están a percibir as persoas beneficiarias é de 456,86 euros.

Cameán, que agradeceu o esforzo e empeño das traballadoras municipais para con esta prestación, salientou que "se ben dende o Concello estamos satisfeitas co desenvolvemento da renda, non somos conformistas, e seguimos traballando, como até agora para poder introducir todas as medidas que sexan necesarias para mellorar o seu alcance". "Esta é unha prestación pioneira. Non había ningunha experiencia previa nin similar. Agora mesmo, e logo de implementar diversas melloras na tramitación derivadas da propia experiencia, como por exemplo simplificar o modelo de solicitude, os tempos de tramitación se foron regulando, oscilando entre os 20 e os 24 días", comentou. Este período comprende dende que a persoa solicitante acode por primeira vez á intervención social até que se lle notifica que será perceptora. Previamente, as traballadoras sociais elaboran un informe individualizado sobre as características e situación da persoa solicitante que ten un tempo medio de 15 días laborables.

Do total de persoas perceptoras da Renda Social Municipal até xuño deste ano, case o 39% eran mulleres, fronte a un 61% de homes. A media de idade dos e das perceptoras é de 41 anos para as mulleres e 40 para os homes. A maioría das persoas que a reciben pertencen a unidades convivenciais dunha soa persoa, aínda que das unidades familiares de dous membros, en xuño, un 64,20% se correspondían con unidades monomarentais cun fillo a cargo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión