Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de abril de 2018

O Concello consolida o Servizo de Atención Inmediata, "que dá unha primeira resposta máis rápida á veciñanza", con 6.529 persoas atendidas sen cita previa no 2017

A edil de Xustiza Social, Silvia Cameán, lembra que o proxecto, que o goberno local ampliou no ano 2016, “diminúe os tempos administrativos, á vez que facilita que as traballadoras sociais dispoñan de máis tempo para cada intervención”

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, valorou esta mañá o labor do Servizo de Atención Inmediata, no que as traballadoras e traballadores sociais atenderon durante o exercicio 2017 a un total de 6.259 persoas sen cita previa nas Unidades de Atención Social (UAS), o que supón un aumento 11% respecto ao 2016, ano no que o goberno local ampliou este servizo de unha a catro unidades. "O Servizo de Atención Inmediata supón unha escoita profesional que permite dar unha valoración inicial rápida sobre as demandas das persoas, que non require cita previa e que se ofrece no día", lembra a edil. Se ben o incremento da demanda no 2016 con respecto ao 2015 foi dun 361%, coincidindo coa ampliación do servizo, o ano pasado realizáronse 600 entrevistas máis, "o que referenda a necesaria aposta deste executivo por facilitar a atención inmediata ás demandas de información e orientación da veciñanza desde a administración máis próxima, como é o seu Concello", di a responsable municipal.Tal e como apunta a concelleira, das actuacións realizadas o pasado exercicio nas Unidades de Atención Social do Concello, situadas no Ágora, Catro Camiños, Monte Alto e Palavea, 4.489 delas deron resposta ás demandas iniciais. Destas, o 63% resolveron a situación de necesidade das persoas usuarias sen requirir un segundo nivel de atención ou intervención social con seguimento. "O SAI está a posibilitar que se poida ofrecer atención á veciñanza á vez que se desconxestiona o servizo e se reducen as listas de espera", subliña a concelleira, quen explica que a implantación desta ferramenta, reformulada polo goberno local no ano 2016, "e que actúa como un flitro para reducir o tempo de espera", permite "liberar de xestión administrativa as axendas das traballadoras e dos traballadores sociais de referencia, de forma que poidan dispoñer de máis tempo para facer intervención social nos casos que así o precisen". Do total de 870 de prestacións tramitadas do sistema público de servizos sociais ou doutros sistemas de protección social, 692 foron axudas económicas ou recursos de carácter básico.

"Este modelo organizativo posto en marcha polo goberno da Coruña pon en valor ás persoas", sinala Silvia Cameán. "Unha cidade próxima é unha cidade que coida das veciñas que máis o precisan. Hai situacións que non poden agardar e que deben ser atendidas coa maior celeridade posible para impedir que a vulnerabilidade social sexa maior. Queremos que as persoas vexan atentidas ás súas necesidades e acompañalas no proceso de recuperar a súa autonomía persoal e familiar", afirma a titular da área de Xustiza Social e Coidados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión