Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de abril de 2024

Luz verde á licitación das obras de urbanización na Agra dos Mallos, que permitirán mellorar as conexións coa intermodal entre Vioño e A Sardiñeira

O Concello levará a cabo un investimento de 2,5 millóns de euros nesta intervención na Agra dos Mallos, que inclúe a creación de dúas novas rotondas para facilitar o tránsito rodado na contorna

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde ao proxecto e licitación das obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo a través da Agra dos Mallos, unha iniciativa que forma parte dos compromisos asumidos polo Concello no contexto das obras de construción da nova estación intermodal da Coruña.

A rexedora puxo en valor esta intervención urbanística para adaptarse ás necesidades futuras da cidade, unha vez que se poña en marcha a intermodal. "A construción deste novo viario é fundamental por dous motivos: o primeiro, porque é necesario garantir unhas conexións adecuadas entre as avenidas da Sardiñeira e Arteixo, mellorando así a accesibilidade ao barrio dos Mallos; e por outra banda, porque con esta intervención podemos absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a propia intermodal, o que lle dará unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais puntos de acceso á cidade", explicou na súa intervención.

O novo viario discorrerá polo interior da Agra dos Mallos, entre o complexo polideportivo da Sardiñeira e as explanadas próximas ao centro cívico e o parque infantil do barrio.

Dúas novas rotondas, na avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo

Na rolda de prensa desta mañá, Inés Rey detallou polo miúdo as actuacións máis destacadas das incluídas no plan de obra. Entre elas, a creación dunha nova rotonda na intersección coa avenida da Sardiñeira.

Esta rotonda, de case 20 metros de radio exterior, será o punto de partida do viario que conectará coa avenida de Arteixo, "no que se levará a cabo un ambicioso plan de urbanización que permitirá adecuar este percorrido a cuestións que entendemos básicas, como é a accesibilidade universal".

Ao longo deste viario crearanse beirarrúas a ambos os lados da calzada, e tamén dous novos treitos de carril bici que permitirán ampliar a rede xa existente. Cómpre lembrar que ambos os treitos estarán conectados ao futuro treito de carril bici proxectado ao longo da avenida da Sardiñeira ao abeiro das obras de reurbanización financiadas a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation. "Desta forma, avanzamos na unificación da rede de carril bici que se está a vertebrar de forma progresiva en toda a cidade, valorando a súa adaptación barrio a barrio", indicou a alcaldesa.

Ademais, tamén se creará unha nova liña de estacionamento en batería ao longo do viario, no sentido de saída cara á avenida de Arteixo, regularizando os espazos destinados a esta finalidade na Agra dos Mallos. Ademais, a explanada situada entre o complexo polideportivo e a escola infantil seguirá estando habilitada como aparcadoiro, co que lles dá servizo ás familias e persoas usuarias de ambas as instalacións. Crearanse, ademais, prazas específicas de estacionamento PMR, para persoas con mobilidade reducida.

A maiores, construirase unha nova glorieta en forma de óvalo na propia avenida de Arteixo. Esta glorieta, que terá 17 metros de radio exterior, estará localizada entre o centro cívico e o centro de saúde dos Mallos. "Coa súa creación posibilitaremos a realización de cambios de sentido neste sector da avenida. Por exemplo, para acceder directamente ao barrio de Vioño e á contorna do propio centro de saúde se vimos en sentido de entrada á cidade", detallou Inés Rey.

A estas actuacións, as máis visuais das formuladas no proxecto, sumaranse tamén as correspondentes melloras no firme da calzada, beirarrúas e pasos peonís, na rede de saneamento da contorna e tamén o mobiliario urbano. Axardinaranse, ademais, o interior das rotondas e tamén diversas zonas das marxes da calzada.

Un investimento municipal de 2,5 millóns de euros

Tras a saída a licitación das obras, o seguinte paso será a súa adxudicación e posterior posta en marcha, cun prazo de execución de 18 meses.

O investimento previsto nesta intervención é de 2,5 millóns de euros, a imputar no orzamento municipal entre este ano e o 2025. O repartimento desta partida é de 1,2 millóns este ano e de 1,3 millóns con vistas ao vindeiro exercicio.

A alcaldesa destacou que "esta actuación urbanística entre a avenida de Arteixo e A Sardiñeira complementará as obras de reurbanización da propia avenida da Sardiñeira adxudicadas na Xunta de Goberno a mediados de marzo, cun investimento de 1,8 millóns en fondos Next Generation que permitirá transformar e mellorar a calidade urbana do sector superior da estación intermodal e o barrio dos Mallos".

Inés Rey recalcou que, dando continuidade á liña de traballo que xa se está a executar coas obras de reurbanización de San Andrés e a renovación do mercado municipal de Monte Alto, "desde o Goberno municipal informaremos con todo detalle a veciñanza do barrio do calendario de actuacións e tamén das posibles afectacións derivadas da obra, coa antelación necesaria ao inicio dela".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión