Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de outubro de 2022

En paralelo, e desde hoxe, o Concello e as asociacións veciñais promoven iniciativas gastronómicas e lúdicas que terán lugar no Campo da Leña, o Parque Europa e os barrios de Castrillón, Eirís e Monelos

O Samaín achega aos barrios da cidade unha ampla programación de talleres infantís nos mercados municipais e os centros cívicos

As actividades terán lugar este luns 31 de outubro, en horario de mañá. Ademais, pola tarde, as rúas comerciais acollerán os ‘pasacalles terroríficos’, orientados aos máis pequenas

Achégase a noite do Samaín e, con ela, a programación especial de actividades promovidas polo Concello de cara a esta celebración anual na que os protagonistas serán, unha vez máis, as máis pequenas e pequenos.

Este luns, 31 de outubro, e entre as 10.15 e 14.00 horas, terán lugar os talleres infantís de Samaín impulsados desde a Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios. Estes obradoiros, ideados para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, levaranse a cabo entre os mercados municipais e os centros cívicos da cidade, baixo un divertido formato de talleres de decoración e xogos. Os horarios e localizacións son os seguintes:

  • Mercados municipais de San Agustín, Elviña, Eusebio da Guarda e Monte Alto:
    • 10.15 a 11.00: 3 en raia (Jumping Clay).
    • 11.30 a 12.30: Colar de zonchos.
    • 13.00 a 14.00: Decora unha cabaza.
  • Centros cívicos de Castrillón, Eirís, Labañou, San Diego e Novo Mesoiro:
    • 10.15 a 11.00: 3 en raia (Jumping Clay).
    • 11.30 a 12.30: Colar de zonchos.
    • 13.00 a 14.00: Decora unha cabaza.
  • Centro cívico da Sagrada Familia:
    • 11.15 a 12.00: 3 en raia (Jumping Clay).
    • 12.15 a 12.45: Colar de zonchos.
    • 13.00 a 14.00: Decora unha cabaza.

O único requisito para a participación nestes obradoiros é a presentación dun tícket de compra, realizada nalgún comercio do barrio de referencia, entre os días 15 de outubro e o propio día 31 de outubro, por un valor mínimo de cinco euros.

O prazo de inscrición nos talleres xa está aberto, e pode realizarse a través da web Samaín Coruña.

Pasarrúas polos barrios

En paralelo, e tamén durante este luns 31 de outubro, as rúas comerciais da cidade acollerán os 'pasarrúas terroríficos' que levarán a cabo dez agrupacións de espectáculo, percorrendo, entre as 17.00 e 21.00 horas, a contorna de Riazor, praza de Pontevedra, Os Rosales e Labañou; Castrillón, Monelos e Oza; Monte Alto - Campo da Leña; Os Mallos; As Conchiñas - Ventorrillo; e tamén a zona centro.

Estas actividades, orientadas ao gozo da rapazada co gallo da celebración do Samaín, dan continuidade ás xa executadas desde o pasado xoves nos propios centros cívicos, con festas infantís nos centros cívicos de Labañou, Monelos, Cidade Vella, Os Rosales, Novo Mesoiro, O Castrillón, Monte Alto, Eirís e Os Mallos. Entre mañá e o luns chegarán, ademais, aos centros cívicos de Novoboandanza, Palavea e Elviña, impulsadas pola Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá.

O apoio do Concello ás iniciativas veciñais

As celebracións de Samaín na cidade tamén chegan este sábado ás rúas do barrio de Monte Alto. Desde as 11.00 e ata as 16.00 horas, o Campo da Leña será o punto de encontro para os amantes da gastronomía e a música no 'Calloween', unha iniciativa promovida pola Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC) e a Agrupación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto, que conta co apoio do Concello.

Ao longo da xornada, haberá talleres de cociña creativa ideados para nenas e nenos a partir de 5 anos, co foco posto en receitas culinarias propias do Samaín, así como degustacións de callos para todas aquelas persoas que acheguen os vales derivados das compras realizadas en comercios de Monte Alto.

As actividades que se levarán a cabo en colaboración coas asociacións veciñais continuarán este luns, 31 de outubro, coa celebración do 'KoruNeno' no Parque Europa, onde tamén se disporán zonas de xogo e obradoiros para os máis pequenos. Ademais, haberá degustación de castañas para as persoas que acheguen vales derivados das compras nos comercios de Oza.

Tamén o luns 31, a Asociación de Comerciantes de Castrillón, Eirís y Monelos (Acocem), promove un percorrido polos comercios da zona, orientado á dar a coñecer os establecementos da contorna e á posta en valor do produto de proximidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión