As drogas non constitúen unha realidade única, senón que están caracterizadas por unha notable diversidade.
A principal característica que todas as drogas comparten coñécese como psicoactividade e fai referencia á capacidade destas substancias para chegar ao cerebro e modificar o seu funcionamento habitual.
Atendendo ao seu principal efecto sobre o cerebro humano, podemos falar de:
- Drogas depresoras do sistema nervioso central:
- Substancias que teñen en común a súa capacidade para entorpecer o funcionamento habitual do cerebro, provocando reaccións que poden ir desde a desinhibición ata o coma, nun proceso progresivo de adormecemento cerebral. As máis importantes deste grupo son: alcol, opiáceos (heroína, morfina, metadona...), tranquilizantes (pastillas para acougar a ansiedade) e hipnóticos (pastillas para durmir).
- Drogas estimulantes do sistema nervioso central:
- Grupo de substancias que aceleran o funcionamento habitual do cerebro, provocando un estado de activación que pode ir desde unha maior dificultade para durmir tras o consumo de café, ata un estado de hiperactividade tras o consumo de cocaína ou anfetaminas. Neste grupo, destacan: estimulantes maiores (anfetaminas e cocaína), estimulantes menores (nicotina), xantinas (cafeína).
- Drogas perturbadoras do sistema nervioso central:
- Substancias que trastornan o funcionamento do cerebro, dando lugar a distorsións perceptivas, alucinacións etc. Neste grupo están: alucinóxenos (LSD, mescalina...), derivados do cannabis (marihuana, haxix...), drogas de síntese (éxtase...)