4 de abril de 2026
A proba, que se celebrará o 12 de abril, supera xa as 1.162 persoas inscritas e mantén aberto o prazo de participación
O Concello da Coruña incorporará nesta edición a Carreira Popular Matogrande / Xuxán un novo tramo polo Sector 7 Recinto Ferial, que pasa a formar parte do percorrido da proba pola súa continuidade xeográfica e integración coa contorna de Xuxán, Matogrande e o campus da UDC.
A carreira, que se celebrará o vindeiro 12 de abril, alcanza a súa décima edición consolidada como unha das probas de referencia do calendario deportivo popular da cidade. O circuíto absoluto manterá un trazado de arredor de 6,5 quilómetros, mentres que as categorías de base contarán con percorridos adaptados ás distintas idades.
Ademais, a proba volve discorrer pola contorna da Universidade da Coruña (UDC), un dos puntos habituais do percorrido e que reforza o carácter urbano e integrador da carreira.
A incorporación do Recinto Ferial permite ampliar e enriquecer o trazado nun espazo que xa vén acollendo actividade deportiva municipal, como as sesións de ioga incluídas no programa Coruña en forma desde o pasado ano, reforzando así o uso deportivo e cidadán desta zona en desenvolvemento.
A día de hoxe, a carreira conta xa con 1.162 persoas inscritas, un dato que confirma a boa acollida da proba. O prazo de inscrición continúa aberto ata o domingo 5 de abril, polo que as persoas interesadas aínda poden formalizar a súa participación a través das canles habilitadas polo circuíto Coruña Corre.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que "esta edición supón un paso máis na evolución da carreira, cun percorrido máis completo e conectado coa realidade urbana da cidade". Neste sentido, sinalou que "seguimos traballando para mellorar progresivamente as probas do circuíto Coruña Corre, adaptándoas ao crecemento dos barrios e incorporando novos espazos que xa forman parte da vida diaria da veciñanza".
A Carreira Popular Matogrande / Xuxán forma parte do circuíto Coruña Corre, unha iniciativa municipal que promove a práctica deportiva de base e a participación cidadá a través de probas nos distintos barrios. O seu éxito de convocatoria nas últimas edicións confirma o interese da cidadanía por este modelo de deporte accesible, saudable e de proximidade.
Coa incorporación do Recinto Ferial, o Goberno de Inés Rey continúa avanzando na mellora continua do circuíto, co obxectivo de ofrecer percorridos máis atractivos, seguros e integrados no tecido urbano da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible