Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de abril de 2024

Case 700 persoas participaron hoxe na II Carreira Solidaria Costa Ártabra, cun percorrido de dez quilómetros entre Santa Cruz de Oleiros e A Coruña

A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participaron no acto de entrega de premios aos gañadores da proba, organizada polo Comité Antisida da Coruña

Un total de 671 persoas participaron este domingo na segunda edición da Carreira Solidaria Costa Ártabra, organizada polo Comité Antisida da Coruña (CASCO) e a oenegué oleirense Box Fit, coa colaboración do Concello da Coruña e o Concello de Oleiros, municipios polos que pasou a proba.

A xornada deportiva arrancou ás 09.30 horas na localidade oleirense de Santa Cruz, coa posta en marcha da carreira en categoría absoluta. Foron dez quilómetros de percorrido entre Oleiros e A Coruña, pasando pola ponte da Pasaxe e, xa a continuación, polas avenidas do Exército, Linares Rivas e do Porto, con meta no paseo do Parrote.

Víctor Puyuelo, Álvaro Presedo e Nuno Moure foron os gañadores da proba absoluta, cuns tempos de 32.07 e 32.24 e 32.31, respectivamente.

Ademais da proba en categoría absoluta tamén houbo un segundo percorrido, dunha milla, ideado para as e aos participantes en categorías sub-12, sub-14, sub-16 e sub-18. Comezou xa ás 11.30 horas, cun traxecto específico polo Parrote e a dársena da Mariña.

A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participaron no acto de entrega de premios aos vencedores da proba. Neira destacou "o impacto positivo que ten o desenvolvemento da Costa Ártabra á hora de darlle visibilidade á loita contra o VIH, poñendo sobre a mesa a importancia do deporte como unha ferramenta de inclusión social", e puxo en valor "a perspectiva coa que se creou esta carreira, en clave de solidariedade e igualdade". Neste sentido, na proba tamén participaron deportistas con discapacidade.

Ademais, o concelleiro Manuel Vázquez amosou "o compromiso do Goberno de Inés Rey para dar continuidade nos vindeiros anos á carreira solidaria Costa Ártabra", que nesta segunda edición contou coa participación de atletas pertencentes a clubs da Coruña e a súa área metropolitana, así como tamén da comarca de Ferrolterra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión