Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de maio de 2023

Máis de 2.200 corredores e corredoras están inscritos para a Carreira Popular dos Rosales deste domingo

As persoas participantes poderán recoller este sábado os seus dorsais no polideportivo municipal do barrio

Este domingo realízase a X Carreira Popular dos Rosales, terceira cita da décima edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Tras o peche da inscrición hai máis de 2.200 corredores e corredoras que poderán participar nesta proba. Deles, 1.741 están inscritos na totalidade do circuíto e non precisan retirar os seus dorsais para esta carreira.

Os dorsais e os chips da proba estarán a disposición dos corredores e corredoras este sábado, de 11.00 a 20.30 horas, no polideportivo municipal dos Rosales. Tamén se poderán recoller no mesmo lugar o día da carreira ata media hora antes do inicio de cada competición.

A proba absoluta comezará ás 10.00 horas na rúa Manuel Azaña, xunto á praza Elíptica. O percorrido pasará pola propia praza e Manuel Azaña ata Labañou, onde as persoas participantes irán cara ao paseo marítimo en dirección ao Portiño. A segunda parte do circuíto irá en dirección á estrada Fontes do Monte de San Pedro e volverá a Manuel Azaña dende a rúa Castelao.

Ademais da proba absoluta haberá, como é habitual, outras seis carreiras de categorías inferiores cun percorrido más curto. Os dorsais da proba deberanse recoller o sábado 20 de maio, de 11.30 a 20.30 horas e o domingo 21 de maio, desde as 09.00 horas e ata o momento da saída da proba correspondente, no Polideportivo Municipal dos Rosales. Ademais, para a categoría 'peques' será necesario recoller pulseiras identificativas no mesmo lugar e horario que os dorsais.

Haberá un servizo de duchas no Polideportivo Municipal dos Rosales de 10.30 a 13.00 horas e outro de gardarroupa, de 9.00 a 11.30 horas no mesmo espazo. Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes na chegada á meta. A entrega de premios terá lugar a partir das 12.30 horas na praza Elíptica.

Incidencias no tráfico

A décima edición da Carreira Popular Os Rosales conta cun dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade de participantes e persoas condutoras. Principalmente, cortarase o tráfico entre as 07.00 horas e as 14.00 horas no tramo final da rúa Manuel Azaña, no tramo que dá acceso á praza Elíptica, onde estarán situadas a saída e a meta da proba. Nesa zona estará prohibido o estacionamento desde a medianoite do sábado 20 ao domingo 21 de maio.

Os/as veciños/as dos Rosales terán acceso e saída da zona, aínda que con cortes breves. Recoméndaselles ás persoas residentes na contorna da Praza Elíptica que saian do barrio pola Estrada dos Fortes. Entre as 09.30 e as 11.00 horas pecharase ao tráfico o circuíto, que se irá abrindo ao paso da carreira. Así, o tramo da rolda de Outeiro entre a avenida de Labañou e o Paseo Marítimo, por onde discorre a proba absoluta, quedará aberto, previsiblemente, ás 10.15 horas e o paseo marítimo, no tramo comprendido entre Labañou e O Portiño, abrirase cara ás 10.45 horas aproximadamente.

Desde as 11.00 horas ás 13.00 horas cortarase Manuel Azaña desde as rúas Rodríguez Castelao e Suárez Ferrín. Ás persoas usuarias dos garaxes da rúa Alcalde Suárez Ferrín pídeselles que eviten saír cos seus vehículos deses estacionamentos o domingo entre as 9.30 e as 13.00 horas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión