Concello da Coruña

Concello da Coruña

Madariaga, libretista de óperas

Folleto e representación de Numance

Entre as múltiples facetas de actividade de Salvador de Madariaga está a de escribir textos que servisen de libreto para óperas. Para iso, púxose en contacto con diferentes músicos para que compuxesen a partitura da obra.

Hoxe traemos o exemplo de Numance , traxedia lírica que Madariaga escribiu sobre a obra de Cervantes, inspirada na derrota da poboación celtibérica durante as guerras de conquista da república romana (s.II a.C.).

O compositor francés Henry Barraud, escribiu a música e a obra foi representada o 15 de abril de 1955 no Teatro Nacional de Ópera de Paris, que anunciaba así a estrea: «Numance. Ópera de Henry Barraud sur un poème dramatique de Salvador de Madariga d'après Cervantes».

A obra contextualiza o eterno problema da liberdade, as guerras, os vencedores e os vencidos e da dignidade con que estes últimos poden afrontar a derrota, aspectos tratados nun perfecto equilibrio entre o puro dramatismo da tráxica situación e o lirismo conseguido especialmente grazas ao papel que a música outorga ás voces femininas. O pobo de Numancia é o personaxe central do drama, pero cada un dos seus individuos asume o seu destino particular, todo iso reforzado pola presenza de figuras alegóricas como a guerra ou a peste.

Despois da estrea, a prensa fíxose eco do acontecemento con elogiosos comentarios -tanto da música como do libreto- que moito deberon compracer a Madariaga.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión