Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos: Jan Wagner e Helena de Carlos

Continúa imparable a 10ª edición do ciclo mensual de recitais POETAS DI(N)VERSOS, as citas mensuais conducidas por Yolanda Castaño co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo, que no 2014 recibiu o Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.

A quen vai dirixido:

Persoas adultas

Cando:

15/04/2019

Xa rematou

Inscricións:

Entrada libre ata completar a capacidade

Horario:

20.30h

Duración:

1h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Documentos:

abril_2019.pdf (1021 KB)

O vindeiro luns 15 de abril, dúas grandes personalidades compartirán lectura poética na Coruña: Jan Wagner e Helena de Carlos.

Residente en Berlín, o poeta, ensaísta, editor e tradutor Jan Wagner (Hamburgo, 1971) está traducido a máis de trinta linguas e é membro da Academia Alemá de Lingua e Literatura. Ten publicados sete libros de poesía dende 2001, o último dos cales leva por título Die Live Butterfly Show (2018).

Unha antoloxía persoal da súa obra de 2001 a 2015 foi publicada pola editorial Hanser en 2016, a súa poesía escollida en inglés publicouse no Reino Unido en 2015 co título Autorretrato cun enxame de abellas, e outra saíu nos Estados Unidos en 2017. Autor en residencia na Academia Alemá en Roma ou na Villa Aurora (Os Ánxeles, California), entre os seus galardóns salientan o Anna Seghers, o Ernst Meister de Poesía, o Premio da Feira do Libro de Leipzig, o Friedrich Hölderlin, o Mörike, o Premio Internacional de Poesía Zhongkun e o Georg Büchner. Como editor, e a carón de Björn Kuhligk, en 2003 preparara a antoloxía completa dos poetas alemáns/ás mozos/as Poesía de hoxe. 74 voces, que tivo en 2008 unha nova secuela con cincuenta novas plumas.

Ademais, unha selección dos seus ensaios sobre poesía viron a luz en 2011: O sándalo do profeta. Prosa incidental, e outro volume de ensaios fíxoo en 2017: O cuarto pechado. Prosa incidental. Ademais, traduciu autores anglo-americanos como Charles Simic, James Tate, Simon Armitage ou Matthew Sweeney entre moitos outros.

Helena de Carlos naceu en 1964 no que fora o Lugar da Barca, logo Barbantes (Cenlle), pero viviu dende moi nena en Vigo. Alí criouse, formouse e tamén comezou a escribir. Para entrar na Universidade trasladouse a Santiago de Compostela, e alí segue a residir, por moito que tamén o fixese -durante dous anos e ao fío da súa carreira investigadora- en Florencia, por moito que tamén desenvolvese estadías de investigación en Múnic e Lisboa, ou por moito que teime en recuncar sempre entre Marín e Bueu. Doutorouse en Filoloxía Clásica pola mesma universidade na que continúa a exercer como profesora titular de latín, e publicou e publica traballos relativos á que é a súa especialidade: a literatura antiga e medieval escrita en lingua latina.

Poeta magnificamente considerada pola crítica, publicou até o de agora catro libros de poesía, ademais doutros poemas soltos e algún relato en revistas literarias como Dorna, Ólisbos, Nordés, Festa da palabra silenciada ou Alquimia. Deuse a coñecer nos anos noventa co iniciático Alta Casa (1996). Seguiríanlle 1999 (2001) e, máis tarde, Aracne 3 (2006) e Vigo (2007), que acadou o Premio da Crítica Española ao mellor poemario galego daquel ano.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión