Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ágora

O edificio

O edificio do Ágora é o resultado dun concurso de ideas convocado polo Concello da Coruña e que no seu día tivo como gañadora a proposta presentada baixo o lema “A Montaña Máxica”, do equipo formado polos arquitectos Luis Rojo de Castro, Begoña Fernández-Shaw Zulueta e Liliana Obal Díaz. Na súa proposta os arquitectos propuxeron un edificio que potencia os valores ambientais e paisaxísticos da zona, os cales se conservan e resaltan tendo en conta que a obra se adapta á topografía descendente do terreo en dirección NE e reafirma o carácter verde da zona dotando a edificiación dunha cuberta vexetal.

O Centro Ágora ten unha privilexiada localización e contribúe a xerar unha nova centralidade na cidade. Sitúase nunha parcela de San Pedro de Visma, próxima ao Centro de Bacharelato Agra do Orzán e o Complexo Deportivo Agra1, con acceso principal pola prolongación da rúa do Mosteiro de Caaveiro. A súa localización na parte alta da parcela situada próxima a Ronda de Outeiro dá lugar a unha praza pública exterior de máis de 1.000 m2, proporcionando accesos peonís e rodados.

O edificio, cunha superficie total construída de 10.258,40 m2, consta dun soto (1.618,09 m2), un semisoto (3.009,17 m2), unha planta baixa (2.833,72 m2) e unha planta primeira (1.224,29 m2). Do total da parcela, 9.663 m2, 4.404 son para o edificio e 5.259 m2 para superficie axardinada. Proponse un aparcadoiro semicuberto con capacidade para unha trintena de vehículos.

En xeral trátase dun edificio moi aberto, cunha arquitectura diáfana na que hai poucos tabiques, pola que flúe a continuidade espacial e que se abre con amplas zonas de cristal para fundirse coa contorna. Esa continuidade e esa articulación espacial fluída está sobre todo remarcada polos corredores perimetrais que rodean a algúns dos espazos interiores e polos amplos lucernarios interiores que permiten a entrada de luz natural e que comunican cada unha das plantas do edificio. Este carácter aberto, accesible, sustentable e moi relacionado coa contorna do enclave do edificio conxuga moi ben co modelo de equipamento cívico, social e cultural, coas funcións e tamén cos valores fundacionais que lle dan sentido ao Centro Ágora.

Tras traspasar o limiar cuberto da entrada as persoas visitantes acceden ao amplo espazo de recepción. Enmarcado por unha planta en forma de U e integrada no terreo para producir unha especie de praza accesible e aberta, o edificio do Centro Ágora desenvólvese ao redor e por encima deste primeiro espazo de entrada que é moi importante dende o punto de vista da organización espacial e tamén dende o punto de vista programático e simbólico, xa que funciona como unha ágora ou unha praza pública cuxa misión —ademais de organizar os accesos aos diferentes servizos— é acoller as actividades lúdicas, os encontros cívicos, as actuacións públicas e as actividades diarias.

No devandito acceso principal do Ágora con forma de U sitúanse de fronte a recepción, información e atención ao visitante, así como rexistro. Neste acceso está situada unha Unidade de Servizos de Atención á Cidadanía na que calquera veciño pode atopar información sobre administración única, axudas a domicilio, teleasistencia, infancia, prevención e demais prestacións.

Dende os mostradores de recepción e información os visitantes e usuarios pódense dirixir á dereita ao teatro/auditorio ou á biblioteca a través da rampla que descende á planta semisoto, aos espazos expositivos e as salas polivalentes de fronte e, na planta primeira, aos Servizos Sociais á esquerda. É dicir, dende a entrada os servizos do centro Ágora distribúense ante o usuario en abano, próximos e accesibles.

As salas de exposicións están moi próximas á entrada e tamén contribúen á integración na contorna e a accesibilidade ao centro. Concibidas como extensión da rúa e como pasadizo público, as salas de exposicións, co seu dobre acceso, fomentan a permeabilidade e o achegamento das actividades á cidadanía.

No lado sur da parcela, baixando dende a entrada por unha rampla, sitúase o teatro/auditorio, cun aforamento para 549 persoas e con posibilidades de usarse para teatro, ópera, música sinfónica, ballet. En fronte está a cafetaría que posúe luz cenital e que se conecta coa ludoteca, a biblioteca e os espazos exteriores. Efectivamente, o acceso a esta parte do edificio prodúcese tamén a través dunha porta pola parte posterior que se abre a un espazo cuberto e a unha ampla zona axardinada susceptibles de acoller eventos e actividades moi variadas.

A biblioteca ocupa o módulo lateral cara ao norte, ademais do central. É unha sala diáfana e aberta iluminada con luz cenital e perimetral (toda a fachada é de vidro) na que estarán varias dependencias tales como a sala xuvenil, a sala de lectura, a sala de consulta de informática, etc.

Nas plantas baixa e primeira sitúanse os espazos de talleres, salas polivalentes e salóns sociais para dar servizo á cidadanía en reunións veciñais, xogos de grupo, talleres de formación, actividades sociais, lúdicas, culturais e formativas.

O edificio no seu conxunto é en xeral un espazo aberto e pouco compartimentado, no que os espazos están conectados e é posible pasear; pero á vez, tamén, articúlase en diferentes espazos funcionais que son íntimos e recollidos nos que é posible charlar, ler, escoitar música, asistir a un taller, participar nun congreso, ver unha exposición, asistir a un curso ou mesmo contemplar a paisaxe circundante.

Con esta potente arquitectura, o Centro Ágora converterase nun fito construtivo moi importante da Coruña constituíndose hoxe e de cara ao futuro como un vector transformador que xerará unha nova centralidade dende o punto en que se están concluíndo os traballos de remodelación do barrio da Agra do Orzán dentro do programa Urbana C e cando se urbanice toda a parcela de San Pedro de Visma.

Descargas relacionadas

  • Ayuntamiento de A Coruña Concello da Coruña
  • Logotipo FEDER
  • Logotipo Urbana-C
    • Ayuntamiento de A Coruña / Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • Teléfono: 981 184 200 | 010
     ¦ 
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?