Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ágora

Modelo de traballo

A cultura non son só as obras de arte senón, e sobre todo, as relacións que diferentes persoas establecen con elas. Da mesma forma, unha institución cultural non é un edificio, uns servizos ou unha secuencia de actividades, senón un exercicio de intelixencia e sensibilidade emocional á hora de establecer relacións coa cidadanía.

As ditas relacións son a base do Centro Ágora concibido como un espazo aberto no que xerar sinerxías participativas e relacionais onde os cidadáns sintan representadas as súas expectativas, satisfeitas as súas necesidades e fortalecidos os lazos colectivos a través das relacións entre o coñecemento e a sociedade.

O Ágora ten, pois, unha dobre función para satisfacer eses dous aspectos interrelacionados: dar servizo á sociedade e dar servizo á comunidade artística e cultural, tendo en conta que nin a sociedade nin a cultura son estáticas, senón enormemente dinámicas e cambiantes.

Este dinamismo da sociedade e as novas formas de produción e de xestión do coñecemento tradúcese en novas realidades e necesidades impensadas hai anos e que deben ser cubertas con decisión e autoesixencia para, por unha banda, diversificar e activar os diversos sectores culturais e, por outra, facer social e culturalmente rendibles as infraestruturas entendidas como ben e servizo público. En Ágora satisfacemos as necesidades do presente e estimulamos novos horizontes para o futuro.

Un centro cultural destas características debe ser permeable e debe pasar as súas paredes (físicas e metafóricas) para facer seu todo o que sucede ao seu arredor e traballar, así, temas candentes da actualidade como as políticas sociais, multiculturalidade, compromiso ambiental, sustentabilidade, solidariedade e un longo etcétera. Xunto coa participación, un obxectivo importante é a concienciación social. Por iso é polo que un dos obxectivos dun centro como Ágora teña que ser a produción dunha esfera pública, de espazo participativo e de lugar de encontros na que presentar e representar os debates que interesan á sociedade.

Como punto de encontro e debate, Ágora é unha plataforma plural e interxeracional na que se une de forma transversal o traballo de varias áreas e concellarías e é tamén un espazo aberto a grupos, asociacións culturais e veciñais, colectivos de creadores e programadores independentes, así como a varias entidades coas que habemos ir creando vínculos ao longo dos anos nos que o edificio foi construído. Por iso, podemos dicir que a audiencia de Ágora está constituída por amplas maiorías e múltiples minorías e a cada unha delas hai que satisfacelas de moi variadas maneiras.

Esta intensa participación cidadá, coas súas diferenzas e semellanzas, acordos e desacordos, é unha parte fundamental do programa fundacional do Ágora. Así se favorece un modelo de centro dialéctico que se nutre das preguntas que lles interesan tanto aos creadores en particular como á sociedade en xeral e que posibilita que diferentes voces e interpretacións interactúen no espazo público.

Máis aló do modelo de centro preocupado por difundir a arte ou o coñecemento, é moito máis interesante e rendible social, cultural e artisticamente unha institución que propicie a negociación do saber e do significado entre diferentes sectores de públicos.

É así como Ágora é capaz de producir relatos polifónicos emitidos por multitude de axentes sociais e culturais que deben estar enraizados no contexto, ben a través dunha relación coas tradicións culturais da Coruña, ben coa súa paisaxe urbana, ben co Centro Ágora.

Ágora é un espazo de difusión, reflexión e debate de temas sociais e cidadáns a través da información e o coñecemento. Estes temas son os organizadores da programación que non debe obedecer a secuencias de exposicións illadas nin a actividades desconectadas senón que se ha organizar seguindo as liñas temáticas (nin excluíntes nin estancas) que a continuación presentamos.

  1. As transformacións da paisaxe: trátase de construír un marco de reflexión para analizar a proxección espacial da memoria emocional e das utopías de futuro porque a paisaxe —entendida nun sentido amplo que abarca natureza, arquitectura ou espazo público— é a proxección dos cambios sociais e humanos en función do que somos e o que desexamos ser.
  2. A construción do público: toda actividade cultural leva implícito un público que debe servirse dela para entender o mundo no que vive e actuar criticamente nel. A través de variadas actividades, Ágora fomentará máis a figura do público activo que o espectador pasivo.
  3. Amplas maiorías e múltiples minorías: a inmigración, a multiculturalidade, a posición subalterna, as cuestións de xénero, a diversidade sexual, a precariedade, a crítica postcolonial ou a identidade cultural son algúns dos asuntos presentes neste eixo temático.
  4. A produción cultural: todo o referido á produción (de obra e de sentido) é un dos cabalos de batalla da cultura e ata da propia economía inmaterial e do coñecemento porque determina o horizonte do que se fai, por que se fai e en que sistema ou estrutura social e económica se insire esa produción.
  5. A cultura como diálogo: os feitos culturais non nacen illados senón que obedecen a diálogos interxeracionais e intersubxectivos. Reconstruír filiacións, herdanzas, programas estéticos, sensibilidades e prácticas artísticas e culturais vinculadas co social resulta fundamental para saber de onde vimos e en que contexto cultural estamos a traballar.
  6. A relectura constante da historia da arte e da cultura recentes: a arte e a cultura deben estar en constante reescritura para que o canon cultural maioritario poida ser revisado co fin de axustalo á realidade e para que as novas xeracións se acheguen e coñezan o paso recente.
  7. A produción do novo: a novidade pode ser entendida dende dous puntos de vista: o novo como unha categoría que emprega o mercado para activar o consumo (o cal ha ser analizado criticamente) e o novo como unha categoría implícita no discurso de renovación cultural inherente á arte e á cultura contemporáneos (o cal ha ser fomentado).
  8. A hibridación e transdisciplinariedade: a miúdo a novidade e a achega prodúcense pola combinación de elementos existentes que se articulan de forma nova. Esta remestura adoita ser o caldo de cultivo das formas máis interesantes de arte e de cultura, á vez que adoita xerar dispositivos adecuados para trabar relacións significativas con diferentes sectores de públicos.

Estes organizadores temáticos son os que estruturarán as diferentes propostas que, abarcando os diferentes recursos do centro, mestúranse transversalmente. De forma que un taller poderá conducir a unha exposición, un seminario a unha obra de teatro e unha actividade da biblioteca —que á súa vez pode prover de documentación aos exemplos antes citados— nun evento que se desenvolva no exterior da praza cuberta.

Estes temas poden ter varias procedencias. Unha das funcións de Ágora consiste en ensinar na Coruña as producións culturais propias, pero tamén as provenientes de todo o mundo que teñan sentido no contexto cultural coruñés. Pero, ademais de ensinar arte dentro do centro cultural, tamén Ágora ten a responsabilidade de dinamizar a cultura coruñesa a través da súa proxección fóra. É así que un centro cultural como Ágora debe propiciar un fluxo centrípeto que atraia aos creadores e ás manifestacións artísticas cara á Coruña, pero tamén debe xerar un movemento centrífugo a partir do cal se xere unha proxección exterior da actividade artística da Coruña.

Con este programa e coa súa potente arquitectura, o Centro Ágora é o referente da sociedade, da información e do coñecemento máis importante da Coruña constituíndose como un lugar onde tomar o pulso da implicación social da creación e do pensamento, como unha plataforma para a experimentación artística e creativa, como un punto de encontro para o debate e a reflexión, e como un centro multidisciplinar e interxeracional cun programa moi variado de actividades para todo tipo de públicos.

O Centro Ágora é, así, un equipamento cultural para o progreso social a través de intensos procesos de reflexión, fermentación, diseminación e evolución de ideas e contidos culturais, artísticos e sociais mediante intercambios significativos entre a produción cultural e a cidadanía.

  • Ayuntamiento de A Coruña Concello da Coruña
  • Logotipo FEDER
  • Logotipo Urbana-C
    • Ayuntamiento de A Coruña / Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • Teléfono: 981 184 200 | 010
     ¦ 
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?

Necesitamos a túa axuda

Tes dous minutos para darnos a túa opinión sobre a web municipal e así axudarnos a mellorala? Agradecémoscho

Ir á enquisa

Tes dous minutos para darnos a túa opinión sobre a web municipal e así axudarnos a mellorala? Agradecémoscho

Ir á enquisa