A poesía chega este mes ao Ágora dende Letonia e A Estrada.
17/03/2014, de 20:30 a 22:00
Xa rematou
20.30 h.
Entrada libre ata completar capacidade.
SERGEJ TIMOFEJEV
De orixes rusas pero nacido en Riga en 1970, Sergej Timofejev é membro de Orbita, un colectivo artístico letón formado por creadores e poetas en lingua rusa. Xornalista, tradutor e DJ, ademais de poeta, dende principios dos 90 publicou colaboracións en multitude de xornais, como Rodnik, Mitin zhurnal, Vavilon ou Znamia, entre outros.
Timofejev é autor de sete libros de poesía; catro publicados en Letonia e outros tres en Moscova e San Petersburgo. Foi nomeado para o premio Andrei Belyi no 2002, gañou o da Unión de Escritores Letones no 2005 e o Russkaja Premija no 2010. Participou tanto en antoloxías como en festivais poéticos internacionais dende Suecia a Xeorxia pasando polo Reino Unido, Ucraína, Eslovenia ou Alemaña, e os seus poemas foron traducidos a máis de dez linguas entre as que se conta o inglés, o sueco, o italiano, o alemán e o galego (dentro da antoloxía Con Barquera e Remador, 2013). No 2011 encabezou o Comité Nacional pola Cultura do Ministerio de Cultura de Letonia.
Un dos poetas máis audaces e innovadores do Báltico, puxo en práctica unha chea de experimentos que mesturan poesía con música, instalación, vídeo e videoxogos. É un pioneiro da videopoesía en ruso, e a súa primeira peza neste campo -Repeticija orkestra (Ensaio da Orquestra), pode verse en YouTube- é de 1994.
O Norte
Sento tranquilamente a comer un vodka
nun local do norte da cidade.
Teño o peto cheo de chisqueiros;
podo prender lume a todo canto queira ou só aquecer a man.
Ti sentas tamén, ti criatura pálida e adorable;
acomódaste no fociño quente do destino.
Nada de chamadas a outras compañías telefónicas,
esa é a única regra da nosa sociedade.
E ela sentou tamén, e quedou calada todo o camiño,
todo o paso dende as seis da tarde ata as once.
Despois púxenme de pé e dixen grazas polo serán:
polo tempo, espazo e movemento.
ANTÍA OTERO
Antía Otero naceu na Estrada en 1982. É licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Arte-a (polo Museo Reina Sofía en colaboración coa Universidade de Alcalá) e Máster en Historia e Estética do Cine pola Universidade de Valladolid. Na actualidade é vicepresidenta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, onde coordina a Área de Novos Escritores/as.
Como escritora foi gañadora do VII Certame Francisco Añón de Poesía co poemario “Da porta un horizonte”. Ademais, publicou os poemarios individuais “O son da xordeira” (2003) e “(Retro)visor” (2010), e participou en multitude de publicacións colectivas, entre as que destacan “Negra sombra”, “Poetízate”, “Polifonías” e a antoloxía “Novas de poesía”. Leva varios anos impartindo o taller de nova creación artística “O ollo da arte” en NORMAL (A Coruña), xunto a outros talleres poéticos en diferentes espazos do país. Igualmente, percorreu centros de ensino e bibliotecas cos seus recitais, sesións de lecturas e escritura, e formou parte de multitude de iniciativas literarias. Interesada na fusión da poesía con outras linguaxes creativas, con Isaac Garabatos crea o traballo de perfopoesía (Retro)Visor (que se pode seguir en www.poesiaexpandida.wordpress.com como por salas de toda Galicia) e co artista Antonio Rodríguez forma parte do colectivo Derodríguez.
Ás veces
mordo as unllas
ata a sobredose
e agocho as mans
baixo das sabas
Non medio das pernas
Esa
é a única mutilación
que me permito
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible