Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de outubro de 2018

O Concello avanza o novo calendario do Circuíto Coruña Corre, que amplía o número de probas de cara á vindeira tempada

O goberno local dá a coñecer tamén as datas de Coruña21, Maratón Atlántica e Coruña10 do ano que vén, que terán lugar os días 17 de febreiro, 14 de abril e 6 de outubro, respectivamente

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de dar a coñecer as novas datas que conformarán o VII Circuíto Coruña Corre, que comezará o 25 de novembro e se estenderá até o final de 2019. O goberno local ampliará o número de probas da tempada 2018/2019, ante a aprobación, por parte da Real Federación Española de Atletismo, dunha proposta para adaptar o inicio e finalización das tempadas deportivas de xeito que coincidan co ano natural no que se desenvolven. "Segundo as indicacións da federación, Coruña Corre debería comezar no mes de xaneiro. Parécenos unha data moi afastada con respecto a celebración de anteriores probas na cidade. Por tanto, dentro da excepcionalidade, e para dar continuidade á actividade deportiva, iniciaremos este programa municipal no mes de novembro, coas carreiras habituais nestas datas, como son Novo Mesoiro e Os Rosales, para reforzar o impulso dun ano no que se favorecerá especialmente a práctica deportiva no espazo público", destaca o concelleiro José Manuel Sande, quen avanza que a Gala Final da tempada 2017/2018 de Coruña Corre celebrarase o vindeiro 21 de novembro no centro Ágora.  

Deste xeito, o circuíto comezará o domingo 25 de novembro, coa VIII edición da carreira popular Novo Mesoiro, e continuará o domingo 16 de decembro nos Rosales. Xa no ano 2019, o 13 de xaneiro terá lugar a IV Carreira Popular Matogrande; no mes de marzo, o sábado 23 a IX Carreira Popular Torre de Hércules - Trofeo José Antonio Varela Calviño, a única proba que se disputa en horario nocturno; e o 2 de xuño a XII Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Á volta do verán, o 9 de setembro, Coruña Corre retomará a actividade coa VIII Volta a Oza, á que seguirá o 20 de outubro a VII Ventorrillo. Seguindo a adaptación proposta pola RFEA, a serie de probas continuará o 3 e o 24 de novembro en Novo Mesoiro e Os Rosales, respectivamente, e a gala final da tempada celebrarase o 12 de decembro, como é habitual, no Centro Ágora.

Nos vindeiros días o goberno local abrirá o prazo de inscrición no VII Circuíto Coruña Corre. Como é habitual, o seu regulamento e toda a información vinculada a este programa municipal poderase visitar no seu web, www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Por outra banda, o Servizo Municipal de Deportes xa ten fixadas as datas de celebración da tríade de grandes carreiras populares que organiza o Concello. A primeira cita da tempada que vén será o 17 de febreiro de 2019, na que terá lugar o XI Medio Maratón Coruña21. A seguinte proba deportiva será o VIII Maratón Atlántica Coruña42, e a 10K, que se celebrarán o 14 de abril e, finalmente, o 6 de outubro será a quenda da XIII Carreira Popular Coruña10, a de maior traxectoria de todas as que promove a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión