Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2019

A edil Rocío Fraga destaca que o programa de acompañamento ao reagrupamento familiar da UAMI "permite avanzar cara a unha cidade máis acolledora"

A concelleira de Igualdade e Diversidade advirte de que o número de consultas da poboación estranxeira relacionadas con este proceso aumentou durante o 2018, e que a porcentaxe de autorizacións iniciais de residencia por reagrupamento na cidade acadou o 58,7%

A Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI), o servizo dependente da Concellería de Igualdade e Diversidade que presta unha atención integral á poboación migrante, desde o ámbito legal, social e laboral, atendeu durante o 2018 un total de 1.756 consultas, o que supón un incremento dun 4% respecto ao ano anterior.  A edil Rocío Fraga sinalou esta mañá que a meirande parte das consultas están relacionadas coas autorizacións de residencia temporal e comunitaria, ademais de reagrupacións familiares. Entre as consultas, o 80% proceden de poboación migrante, o 19% de persoas retornadas e o 1% de poboación estatal.

"O reagrupamento familiar é a principal vía para as persoas estranxeiras non comunitarias de obter a residencia inicial. No Estado, a porcentaxe é do 50,85% e en Galicia do 64,17%. No caso da cidade da Coruña, a porcentaxe de autorizacións iniciais de residencia por este procedemento ascende ao 58,7%", explicou esta mañá a concelleira. "Estamos a falar dun proceso complexo, tanto polos requirimentos legais como polas implicacións, que supón para as familias este proceso de reencontro, especialmente entre as mulleres e menores de idade que chegan a unha cidade de acollida, un colectivo máis vulnerable a padecer situacións de exclusión social", apuntou.

Ao fío, a concelleira lembrou que o Concello da Coruña, conta cun programa específico de reagrupamento familiar na cidade que ofrece, a través da UAMI, orientación e acompañamento ás persoas solicitantes antes e durante o procedemento administrativo, facilitando tamén a adaptación dos seus familiares na cidade despois da súa chegada, a través de obradoiros e sesións de grupo ou individuais, e da posta a disposición de información sobre os recursos existentes no municipio. "Con este plan damos resposta a unha demanda existente e que favorece a creación de redes de apoio mutuo, non só na situación familiar, senón co apoio da administración de cara a facilitar a incorporación á vida na cidade. Camiñamos cara a unha Coruña máis inclusiva e acolledora", sinalou Fraga. O programa, segundo expón a concelleira, "está coordinado con Xustiza Social --área da que dependen os Servizos Sociais e Educación, centros educativos e entidades que traballan con poboación estranxeira". De cara a facilitar a difusión deste plan de reagrupamento, a Concellería de Igualdade e Diversidade editou uns trípticos informativos en diferentes linguas --galego, castelán, árabe, inglés e francés--, dispoñibles no web de www.coruna.gal/igualdade, así como unha guía básica sobre o proceso, que inclúe información sobre requisitos, pasos a dar e recomendacións.  

Consultas na UAMI

A Unidade de Atención ás Migracións contou, no 2018, cun incremento do 9% do número total de persoas usuarias, pasando das 1.103 no 2017 até acadar as 1.200 persoas no ano pasado. Entre as actividades que ofreceu o servizo no 2018, ademais da asesoría xurídica, atópanse o Club de Emprego, a programación de formación --que incluíu 44 cursos vinculados á manipulación de alimentos, iniciación á informática, uso de aplicacións de procura de emprego ou habilidades sociais entre outras propostas--.

Segundo a procedencia das participantes, a meirande parte da poboación migrante provén de América (84%) e, dentro deste colectivo, o primeiro país de procedencia é Venezuela (18%), seguido de Colombia (10%), Cuba (8%), Perú (8%), e República Dominicana e Brasil (ambos cun 7%). Entre as persoas que visitaron a UAMI, o 12% procede de Senegal --do total un 88% son homes-- e o 5% de Marrocos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión