Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Igualdade e diversidade

Servizo Municipal de Canguraxe

servizo municipal de canguraxe

DESCRICIÓN DO SERVIZO

O Servizo Municipal de Canguraxe é un conxunto integrado de medidas para favorecer, por unha banda, a conciliación nos campos persoal e laboral (con especial incidencia en persoas/unidades familiares con maiores dificultades para a conciliación: unidades familiares monomarentais; monoparentais, familias numerosas, persoas migrantes, mulleres en situación de violencia de xénero; como apoio a mulleres no seu proceso de inserción e participación sociolaboral etc.) e, por outro, a corresponsabilidade nos ámbitos doméstico e social, a través de programas de actividades dirixidas ás novas xeracións.

PRINCIPIOS REGULADORES DO SERVIZO DE CANGURAXE

  1. Flexibilidade e multifuncionalidade: segundo o caso ou a necesidade, a unidade familiar accederá a unhas ou a outras prestacións e tamén en momentos e/ou horarios distintos.
  2. Benestar do/da menor: velarase en todo momento polo seu benestar.
  3. Servizo personalizado: cada intervención realizarase de modo personalizado, isto é, despois da entrevista inicial coa unidade familiar, tratando en todo caso de responder ás súas necesidades.
  4. Coeducación: o enfoque educativo sempre será o da igualdade, evitando a transmisión e reprodución de estereotipos de xénero.

MODALIDADES

PERSOAS DESTINATARIAS

Son destinatarias do Servizo Municipal de Canguraxe aquelas unidades familiares con necesidades de conciliación asociadas á organización da vida persoal e laboral.

Os espazos de atención á infancia e as ludotecas están destinados a menores de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos ou que no ano corrente cumpran 4 anos e estean cursando 1º de Educación Infantil.

A  modalidade de atención á infancia a domicilio está destinada a menores de idades comprendidas entre os 4 meses e os 12 años.

MOTIVOS DE SOLICITUDE

Espazos de atención á  infancia

  • Motivos laborais
  • Participación en cursos de formación para o emprego
  • Realización de entrevistas de traballo
  • Períodos de proba profesionais
  • Situacions puntuais de emerxencia familiar

Estas casuísticas serán prioritarias e deberán ser debidamente acreditadas.

  • No caso de quedar prazas vacantes tamén se poderá acceder por motivos de conciliación persoal coa finalidade de promover a plena participación social.

Ludotecas coeducativas

  • Motivacións de carácter persoal, co  fin de promover a plena participación social e goce do tempo de lecer das familias e menores.

Atención á infancia a domicilio

  • Exclusivamente por motivos laborais

REQUISITOS DE ACCESO, OBRIGAS E PROCEDEMENTO DE ALTA   

O acceso ás prestacións incluídas en cada modalidade realizarase a través do Centro de Información ás Mulleres  (CIM). O persoal do Servizo de Canguraxe tramitará o acceso a el e verificará se as persoas solicitantes cumpren os requisitos, de acordo co disposto na Ordenanza municipal reguladora.

       Centro de Información ás Mulleres (CIM)

       Barrio das Flores - rúa Hortensias s/n, 15008, A Coruña

       Teléfono: 981 184 356 - Fax: 981 184 357

       Correo electrónico: cim@coruna.es

Requisitos:

  • Precisar medidas de conciliación da vida persoal ou laboral no termo municipal da  Coruña.
  • Nos Espazos de Atención á Infancia e nas Ludoctecas Coeducativas, poderase acceder ao servizo, ben cando as persoas que ostenten a representación legal dos/as menores (pais; nais; titores e titoras legais etc.) estean empadroadas no concello da Coruña; ou ben cando esas persoas teñan o seu posto de traballo, tanto por conta propia como allea, localizado no concello da Coruña; ou ben para o caso de que o/a menor estea cursando estudos nun centro de ensino domiciliado no concello da Coruña.
  • Na modalidade de atención a domicilio, será necesario que as persoas que ostenten a representación legal dos e das menores (pais; nais; titores e titoras legais etc.) estean empadroadas no concello da Coruña.

Obrigas das persoas usuarias:

  • Na modalidade de atención a domicilio, solicitar cita previa para a realización do parte de servizo individualizado.
  • Na modalidade de atención a domicilio, e para os traslados de menores, será preciso que no lugar de entrega unha persoa responsable asine o dcumento de entrega. Esa persoa estará previamente identificada na autorización asinada no CIM polas persoas que ostenten a representación legal do/da menor. Se no momento da entrega ningunha persoa quixera asinar ese documento de entrega e custodia non poderá facerse uso desta modalidade do servizo.
  • Na modalidade de atención a domicilio, e para aqueles traslados que impliquen o uso do transporte público, a/o menor deberá dispoñer da tarxeta para uso do bus urbano. Non se admitirá que as/os menores porten cartos en efectivo.
  • Para todas as modalidades, comunicar as anulacións de horarios concedidos cun mínimo de 48 horas de antelación. O feito de non comunicalas nese prazo suporá computar as horas como horas de servizo realizadas.
  • En períodos vacacionais, o feito de non comunicar a anulación de períodos ou días asignados cun mínimo de 48 horas de antelación, será motivo de anulación de todos os períodos ou días asignados. Para a modalidade de atención a domicilio este prazo será de aplicación durante todo o ano. A reiteración na falta de comunicacións suporá a baixa no Servizo Municipal de Canguraxe.
  • Facilitar, comunicar e manter actualizados os datos persoais e profesionais necesarios para a prestación de calquera das modalidades do servizo.
  • Asinar as autorizacións e conformidades que sexan necesarias para o coidado e benestar do/da menor.
  • Responsabilizarse da entrega e recollida dos/das menores nos horarios establecidos para cada unha das modalidades do servizo. As persoas responsables do/da menor que non os entregaran ou recolleran nos horarios establecidos serán apercibidas. En caso de reiteración, e tras dous apercibimentos, poderán causar baixa no servizo. Así mesmo, responsabilizaranse destas obrigas naquelas situacións que por motivos de saúde, indisposición ou malestar, sexa necesario recollelos/as antes da hora prevista.
  • En períodos vacacionais, para poder responder axeitadamente á demanda do servizo, non se poderá reservar o mesmo período e o mesmo horario en distintos espazos de atención á infancia. De facelo así, todas as solicitudes realizadas serán anuladas e non poderá facerse uso do servizo nos períodos non lectivos.

Procedemento de alta e documentación para presentar:

1.- Cubrir e presentar en calquera dos rexistros municipais ou na Sede Electrónica Municipal:

  • Un impreso de solicitude xeral no que solicite expresamente calquera das dúas modalidades do Servizo Municipal de Canguraxe: 
    • Espazos de atención á infancia e ludotecas coeducativas.
    • Atención á infancia a domicilio.

No mesmo impreso deberán sinalarse expresamente a motivación (persoal ou laboral) da solicitude.

Neste solicitude, será obrigatorio facilitar os teléfonos de contacto e/ou enderezo de correo electrónico para os efectos das comunicacións posteriores. 

Será preciso presentar esta solicitude de alta cun mínimo dunha semana de antelación á data para a que se pretenda facer uso de calquera das modalidades do servizo.

  • Libro de familia e/ou partida de nacemento dos/das menores.
  • Documento de identidade en vigor (DNI, NIE, etc.) de todas aquelas persoas que ostenten a representación legal dos/as menores (pais, nais, titores e titoras legais etc.)
  • Tarxeta sanitaria dos/das menores.
  • En casos de separación ou divorcio, resolución xudicial ou administrativa, e medidas paterno-filiais, de ser o caso.
  • En caso de ser necesarios, informes médicos dos/das menores.

2.- O equipo do Servizo Municipal de Canguraxe contactará por calquera dos medios facilitados na solicitude coa persoa da unidade familiar designada para programar unha entrevista persoal co fin de dar de alta as diferentes modalidades do servizo, baseándose na solicitude presentada.

Esta entrevista persoal será necesaria en todo caso para a modalidade de atención a domicilio.

Neste primeiro contacto indicarase calquera outro tipo de documentación adicional que podería ser solicitada segundo a modalidade solicitada e atendendo á demanda existente; entre outras:    

  • Xustificante de ingresos da unidade familiar (nóminas, certificado de prestacións, xustificante ou último pago de autónomos etc)
  • Contrato de traballo das persoas solicitantes
  • Xustificante asinado pola empresa ao respecto do horario de traballo da persoa solicitante
  • Certificado de vida laboral

3.- Finalizada esta entrevista persoal, asinaranse as autorizacións obrigatorias de acceso e permanencia no Servizo Municipal de Canguraxe, que inclúen o tratamento de datos e/ou autorización de consulta de datos á Axencia Estatal Tributaria.

4.- Para reserva de praza e uso do servizo, unha vez realizada a alta para calquera das dúas modalidades, será suficiente a realización dunha chamada ou envío dun correo electrónico ao CIM - Servizo de Canguraxe.

REGULACIÓN

O Servizo Municipal de Canguraxe aparece regulado na "Ordenanza reguladora do Servizo de Atención á Infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal" que o Pleno municipal aprobou definitivamente o 19/12/2008 e que se publicou no BOP da Coruña de 23/02/2009. 

Á súa vez, o Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia de Galicia, incorpora un servizo específico en materia de conciliación: o "Servizo de conciliación da vida persoal, familiar e laboral", no que se contemplan unha serie de modalidades cuxa definición e obxectivos son similares aos regulados na Ordenanza Municipal; en concreto, contempla a modalidade de atención de carácter lúdico á infancia (5.1.1), xunto coa de atención á infancia en domicilio (5.1.2).

As prestacións que constitúen o servizo municipal obxecto da modalidade de EAI e ludotecas adecúanse en boa parte aos requirimentos da carteira de servizos sinalada, constituíndo modalidades de carácter normalizador.

Constitúe tamén o marco xurídico xeneral, sen prexuízo de disposicións específicas en materia laboral e funcionarial, diversas disposicións como o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade (artigo 5- a conciliación aparece como criterio xeral de actuación no ámbito da transversalidade da igualdade en todas as políticas públicas-; artigos 23 e 27 -conciliación nas actividades de formación-; Título IV -apoio á conciliación e á corresponsabilidade-).

Galería de imaxes

  • Logos Canguraxe

Actualidade

Slider Igualdade Vídeos

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?