22 de marzo de 2018
O goberno local pide á veciñanza que extreme as precaucións durante o paso da borrasca ‘Hugo’, que poderá provocar cortes ao tráfico no Paseo Marítimo
O Concello da Coruña despregará desde venres pola tarde, ás 16.00 horas, un dispositivo especial de seguridade ante a previsión meteorolóxica desta fin de semana, cando está prevista a chegada dunha borrasca, denominada Hugo, que activa a alerta vermella no litoral por ventos moi fortes, ondas de ata nove metros e precipitacións xeneralizadas. Así, o acceso ás praias, parques, xardíns, Torre de Hércules e a Casa das Ciencias estará pechado dende as 16.00 horas do venres. Os areais permanecerán pechados até a mañá do domingo 25, mentres que o resto de áreas irán abrindo na tarde do sábado día 24.
O goberno local prega á cidadanía que extreme as medidas de precaución dende mañá pola tarde, e en especial durante a noite do sábado. Ante as previsións do temporal, a área de seguridade municipal indica que hai moitas posibilidades de que sexa preciso pechar ao tránsito peonil a zona do Paseo Marítimo e, previsiblemente, realizar cortes de tráfico dependendo da forza do mar. Por isto, o Concello solicita á poboación que evite achegarse a zonas cercanas a costa, para evitar hipotéticos golpes de mar e situacións de risco innecesarias, e lembra a importancia de seguir as recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencia municipais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible