Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2018

O Concello reforza o seu compromiso coa atención do colectivo LGTBQI, coa licitación, por trámite de urxencia, da xestión do Espazo Diverso, que amplía e mellora o seu servizo

Cun orzamento de máis de 86.000 euros, o departamento de Igualdade e Diversidade sacará a concurso en dous lotes tanto a administración deste pioneiro espazo, como a organización da festa do Orgullo

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, saudou este sábado a inminente apertura do proceso de licitación, por trámite de urxencia, da xestión do Espazo Diverso, servizo localizado no Centro Cívico da Cidade Vella, impulsado polo actual goberno local, e que busca dar ferramentas para a inclusión e o fomento das liberdades e dereitos do colectivo LGTBQI. A responsable municipal indicou que a intención do executivo é "poder retomar cantes antes a actividade que se desenvolve neste espazo de forma mellorada e incrementada".

No ano 2016, o executivo municipal, ante "a invisibización" de espazos de axuda e resposta para este colectivo, decidiu poñer en marcha, de forma piloto, o denominado Espazo municipal das Diversidades e Identidades Sexuais. Ante os bos resultados obtidos, o pasado ano, iniciou os trámites para licitar un novo contrato, máis consolidado e, sobre todo, de maior contía, o que permitiría ampliar e mellorar os servizos ofrecidos. Non obstante, e logo de que a empresa proposta como adxudicataria pola mesa de contratación renunciase finalmente a realizar este servizo, a licitación quedou deserta, motivo polo cal, e ante a necesidade de que o servizo se retome canto antes, a Concellería de Igualdade e Diversidade optou por volver a sacar a concurso a xestión do Espazo Diverso, esta vez polo trámite de urxencia. "Estamos a falar dun espazo de referencia para as persoas e colectivos LGTBQI da cidade e a área metropolitana, xa que é o primeiro e único servizo de atención especializado para esta parte da veciñanza, cun lugar e horario diario de funcionamento", comentou Fraga, quen lamentou que "houbese quen, dende a oposición, tratase de sacar rédito político a este tema". "O compromiso deste goberno coa fin das violencias, coa diversidade e a inclusión das identidades de xénero e sexuais non pode ser posta en dúbida. A Xunta de Galicia nunca puxo en marcha un espazo semellante na cidade, nin tampouco quixo colaborar con ningún goberno local para tal fin polo que, dende logo, fomos quen de sacar adiante un servizo pioneiro a nivel municipal", dixo.

Desta forma, nos vindeiros días, Igualdade e Diversidade sacará a licitación un contrato que ascende a algo máis de 86.000 euros, e que se divide en dous lotes aos que se pode optar de forma indistinta. O lote 1, de 60.128 euros é o referido á servizo de xestión directa do Espazo Diverso. Este é o lote que ten tramitación urxente, algo encamiñado a favorecer a reapertura deste servizo no menor período de tempo posible. Precisamente, en base á urxencia do procedemento, o prazo de presentacións de propostas para este lote será de 8 días naturais dende a súa publicación no perfil do contratante. O lote 2, cun montante de 26.000 euros, comprende a organización e realización da festa anual conmemorativa dos dereitos LGTBQI, a tamén denominada Festa do Orgullo.

Características do novo contrato

"Co novo contrato ampliaremos de forma considerable os recursos destinados a este servizo, que está a realizar un importante labor no que ten que ver co recoñecemento das diversidades de xénero e sexuais", sinalou a concelleira, que engadiu que, "tras a experiencia piloto valoramos as necesidades específicas do colectivo na cidade e reforzamos, por exemplo, o servizo de atención psicolóxica e xurídica". "Por outro lado, neste contrato incluímos tamén a realización de formacións específicas e accións periódicas de dinamización e sensibilización", indicou.

O servizo que se desenvolverá no Espazo Diverso conta con distintas áreas de intervención, como a atención personalizada, a formación, dinamización e sensibilización e a divulgación e difusión. "A atención personalizada é o primeiro estadio de atención; unha atención directa que pode ser tanto individual como do entorno familiar e relacional das persoas LGTBQI. Desta forma, podemos abarcar dende conflitos no ámbito das relacións máis inmediatas, como dificultades na adolescencia", comentou Fraga. "Tamén se dispensará, como xa se fai na actualidade, atención primaria, pola que se ofrecerá información e asesoramento sobre os recursos públicos aos que poden acceder, cuestións sobre saúde sexual...", manifestou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión