Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de outubro de 2018

O Concello inicia esta semana o seu ciclo de espectáculos teatrais dentro da programación para o fomento da educación afectivo-sexual co gallo do 35º aniversario do COF

O centro Ágora acollerá este luns, ás 18.00, o espectáculo de contacontos ‘De onde veñen os bebés e outras preguntas’, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos

Esta semana arrinca una nova fase de actividades dentro da programación específica posta en marcha polo Concello da Coruña con motivo do 35º aniversario do Centro de Planeamento Familiar da Coruña (COF) e que ten como obxectivo fomentar tanto a educación como a información afectivo-sexual. Está previsto que a partir do día 15 de outubro comecen unha serie de espectáculos escénicos dirixidos a todos os públicos e, en especial, ao alumnado coruñés durante o horario lectivo, co obxectivo de profundar neste obxectivo de formación co que se están a abordar o aniversario deste centro posto en marcha polo Concello no ano 1983 e que se xestiona, na actualidade, a través dun convenio co Sergas. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recordou que, "se ben hai moitas actividades especialmente dirixidas aos colexios, tamén hai pases abertos para toda a cidadanía, á que convidamos a asistir".

Entre este 15 e o 23 de outubro, os centros cívicos de Sagrada Familia, Monte Alto, O Castrillón, Os Rosales, Infantil e Xuvenil, Ágora e Fórum, así como no punto de servizo bibliotecario de Novo Mesoiro --en horario de mañá-- contarán coa actuación de contacontos que representarán o espectáculo De onde veñen os bebés? (e outras preguntas), dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 8 anos. A primeira actuación terá lugar este luns ás 18.00 na biblioteca do Ágora

Tamén este mes arrincarán os espectáculos teatrais dirixidos especialmente a alumnado de Primaria e de Infantil dentro do programa Coruña Educa. Está previsto que entre os días 18 e 20 o Fórum Metropolitano acolla o espectáculo Pum Pum, de Baobab Teatro, que aborda a prevención do abuso sexual infantil, e que está dirixido ao segundo ciclo de Educación Infantil e ao primeiro ciclo de Educación Primaria. Os centros educativos poden inscribirse a través da web de educación, www.coruna.gal/educación, e as familias terán un pase aberto o sábado 20, ás 18.30 horas --as entradas pódense retirar con antelación a través da plataforma Ticketea--.  Este mesmo formato repetirase dos días 13 ao 15 de decembro, coa obra Rosa Caramelo, de Talía Teatro, tamén dirixida ao alumnado de CEIP. A obra, neste caso, aborda a socialización e os roles de xénero desde a infancia. Ademais dos pases para os centros, haberá unha representación para familias o sábado 15, ás 18.30 horas --as entradas para esta función poderanse retirar tamén a través de Ticketea--.

De cara ao alumnado de secundaria, do 23 ao 25 de outubro ofrécese aos IES a posibilidade de asistir ao teatro-obradoiro Vestido de Voda, que se representará tamén no Fórum Metropolitano. Ademais, os días 13 e 14 de novembro, poderanse inscribir para as funcións de Mosca, de Sudhum Teatro, que pon de relevo o acoso escolar homofóbico. De cara a esta obra, tamén poderán asistir as alumnas e os alumnos dos centros que impartan bacharelato e formación profesional.

Por último, entre os días 12 e 20 de novembro, a programación contará co contacontos Rato Canguro, dirixido a menores de entre 3 e 8 anos, no que se abordarán os novos modelos familiares  Esta actividade ofrecerase pola tarde, ás 18.00 horas, nos centros do Ágora, Sagrada Familia, Monte Alto, O Castrillón, Os Rosales, Durán Loriga e Fórum, ademais do punto de servizo de Novo Mesoiro, que terá lugar, neste caso, en horario de mañá o sábado 17 de novembro.

Documentos:

Programación 35 aniversario do COF (560 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión