Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de marzo de 2024

'Imparables', a campaña deste ano polo Día Internacional da Muller, abre camiño á posta en marcha dun novo punto violeta en Marineda City, un dispositivo que contou co asesoramento do persoal técnico do Concello

O Concello presenta as actividades en torno ao 8-M, que incorpora percorridos guiados polo rueiro das grandes figuras femininas na historia da cidade

Ademais das rutas, que se levarán a cabo polo Ensanche, A Mariña, Cidade Vella e Pescaría, haberá actividades nas naves do Metrosidero, o Fórum Metropolitano, a Casa Museo Casares Quiroga e o rocódromo

A concelleira responsable da Área de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, presentou este luns as diversas actividades impulsadas polo Goberno de Inés Rey para conmemorar o 8-M, Día Internacional da Muller, e que se estenderán durante todo o mes de marzo.

O lema deste ano, 'Imparables', reflicte "o convencemento de que nada nin ninguén vai facer que as mulleres retrocedamos en dereitos", dixo Neira. "Xuntas seguiremos avanzando cara á igualdade real e efectiva en todos os ámbitos e só poderemos logralo co compromiso de toda a sociedade", sinalou hoxe.

Unha mostra dese compromiso social será a apertura, en Marineda City, dun punto violeta impulsado polo centro comercial e creado co asesoramento das técnicas de Igualdade do Concello. A concelleira destacou que esta iniciativa é un "exemplo de colaboración entre unha institución pública e unha empresa privada para poñer en marcha iniciativas de impacto social ante un problema que nos afecta a todos, como é o da violencia machista". Neste sentido, os puntos violeta centrarán tamén os talleres educativos que levarán a cabo durante todo este mes en distintos centros escolares da cidade.

Entre as actividades programadas para este ano destacan os 'Roteiros en feminino'. Trátase de itinerarios guiados por tres núcleos históricos clave da cidade: os xardíns do Ensanche e a Mariña; a Cidade Vella e a Pescaría. As rutas servirán para coñecer mellor a vida e a obra de mulleres que deixaron pegada na nosa historia e no noso rueiro, e están programadas para os días 6, 7 e 8 de marzo. A inscrición pódese realizar nos centros cívicos.

O venres 8 abre na Casa Museo Casares Quiroga a exposición 'Imparables', da escritora e debuxante arxentina Diana Raznovich, que reflicte nas súas viñetas situacións cotiás nas que reflexiona con ironía sobre o papel das mulleres na nosa sociedade. A exposición estará aberta ata o 31 de marzo.

Ademais, este ano, e por primeira vez desde a súa apertura, o espazo xuvenil das naves do Metrosidero súmase ás actividades do 8-M. O xoves 7 haberá un taller para elaborar carteis e mensaxes e o domingo 10 un formato 'Pasapalabra' con definicións relacionadas coa igualdade de xénero. Ambas as actividades están programadas ás 18.00 horas.

As artes escénicas terán presenza coa obra teatral 'A nena de ninguén', o día 8 de marzo no Fórum Metropolitano, que tamén acollerá o ciclo de cinema 'Retrincos de muller'. Cómpre lembrar, a maiores, que ata o día 9 continúa nas salas dos Cantóns a segunda edición do Festival Cinema por Mulleres.

A programación municipal inclúe tamén actividades deportivas, como a xornada de portas abertas do rocódromo de Riazor que terá lugar o venres 8 de marzo e a tradicional carreira popular da Torre de Hércules, un evento incluído no circuíto Coruña Corre, que inclúe novamente unha andaina solidaria que se realizará o 23 de marzo.

Documentos:

Programación completa do Concello da Coruña para o 8-M 2024 (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión