Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de novembro de 2018

O Concello ultima a posta en marcha do Consello Municipal de Igualdade, un espazo participado para desenvolver políticas locais e consensuar a futura ordenanza na materia

A concelleira Rocío Fraga explica que o novo órgano consultivo contará coa representación de todos os grupos da Corporación, así como entidades e colectivos sociais da cidade relacionados coa igualdade e as diversidades afectivo-sexuais

O goberno local ultima a constitución do Consello Municipal de Igualdade, un órgano de carácter consultivo que constituirá un novo espazo de participación destinado a desenvolver políticas municipais no ámbito da igualdade e da diversidade afectivo sexual. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, salientou que, entre outras atribucións, este novo ente, que estará conformado por representantes de todos os grupos da Corporación municipal ademais de entidades e colectivos sociais da cidade, constituirá tamén o espazo onde se traballará e consensuará o texto da futura ordenanza municipal de igualdade de xénero, que regulará a introdución da perspectiva de xénero nos orzamentos municipais así como en todas as políticas públicas que se desenvolvan no eido local. A edil manifestou que desta forma, "o Concello contará cunha sorte de manual, elaborado de forma participada con todos os actores e entidades implicadas nos dereitos das mulleres e os colectivos LGBTQI, que avanza na construción dunha cidade máis igualitaria e, polo tanto, máis xusta".

A titular de Igualdade salienta que tanto o consello como a ordenanza son dúas ferramentas importantes "para consolidar o camiño iniciado neste mandato municipal encamiñado a que as políticas de xénero sexan un asunto transversal presente en todas as áreas de goberno e en todas as políticas públicas, algo necesario para avanzar na igualdade real". "Estes novos recursos son unha peza máis dun traballo repleto de fitos na materia, como a pioneira instrución de transversalidade que puxo en marcha o goberno local, así como o Plan de Igualdade para a organización municipal", recordou. "Estamos a constituír un espazo pensado para debater, asesorar, informar, estudar, revisar e propor en rede accións municipais", indicou.  "Falamos dun órgano que non é vinculante, pero si terá capacidade para analizar e facer propostas de criterios e de prioridades á hora de enfocar o traballo a prol da igualdade e o respecto ás diversidades", dixo a representante municipal, que tamén engadiu que "o consello está chamado, do mesmo xeito, a ser órgano de consulta en todos os procesos municipais que supoñan a elaboración de normas que afecten a mulleres ou a persoas LGTBQI". "É precisamente por este motivo polo que o Consello Municipal de Igualdade será o espazo no que se traballe e se consensúe a futura ordenanza, á marxe do proceso de información e consulta previa que se inicia estes días para garantir a participación de toda a cidadanía", evidenciou.

"Neste momento estamos a contactar coas entidades do tecido social do municipio para convidalas a formar parte deste consello municipal", apuntou. "Ademais estamos a aquelar o regulamento de constitución do consello, que se publicará no Boletín Oficial da Provincial (BOP) e que supón o derradeiro paso formal antes de que se convoque a primeira xuntanza constituínte deste novo órgano", comentou.

O consello municipal estará composto, á súa vez, por un órgano de presidencia, un pleno e unha secretaría, ademais dunha comisión permanente que poderá constituír grupos de traballo específicos. Estes teñen a función de elaborar diferentes informes e propostas de cara a realizar aquelas actividades que se consideren convintes dentro dos obxectivos de igualdade de xénero postos en marcha dende o goberno local.

Achegas cidadás á ordenanza

Ao fío, a responsable municipal avanzou que, "en paralelo dos traballos que levamos a cabo para a posta en marcha do consello, a partir deste xoves, 29 de novembro, abriremos un prazo para que toda a cidadanía que así o desexe poida facer as súas achegas e consideracións previas á redacción do proxecto da Ordenanza Municipal de Igualdade". De acordo co previsto no Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas habilitarase un espazo de información na web municipal coa finalidade de poder recoller a opinión de toda a veciñanza, tanto a organizada como a que non. En base a esta información, a cidadanía poderá remitir as súas opinións e achegas ao respecto á propia Concellería de Igualdade a través do correo electrónico igualdadediversidade@coruna.es. O prazo para o envío de suxestións rematará o vindeiro 14 de decembro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión