17 de novembro de 2017
“A posta en marcha de políticas de innovación democrática na cidade resulta referencial para outros municipios”, sinala a edil Claudia Delso, que asiste á cita na que o Concello presentou a súa experiencia coa plataforma ‘A Porta Aberta’ ou o Laboratorio Cidadán Co-Lab
O Concello da Coruña participa esta semana, en Madrid, no encontro internacional Cidades Democráticas, unha proposta "que permitirá avanzar, de xeito colectivo, nas tecnoloxías e ferramentas para a toma de decisións cidadá", segundo sinala a edil Claudia Delso. Tal e como destaca a responsable municipal, o Concello coruñés foi convidado a participar no encontro "polos proxectos que está a desenvolver o goberno local no eido da innovación democrática. "A experiencia da Coruña no eido da participación é xa un referente para outras administracións grazas a proxectos como os Orzamentos Participativos, ou mesmo o seu Laboratorio Cidadán", asevera Delso, quen apunta que a presenza do Concello neste encontro "reflíctese a distintos niveis, tanto coa interevención do persoal técnico e político, como a través dun proxecto propio do Co-Lab". A edil participou esta mañá como moderadora nunha mesa de presupostos participativos, nas que representantes de administracións locais de Porto Alegre, Madrid, Zamora, e Benalmádena presentaron a súa experiencia con "este mecanismo fundamental de democracia directa". "Estamos a falar dun programa que na Coruña xa é central na acción de goberno. Aínda que é relativamente un proceso innovador para a nosa cidade, este encontro internacional demostra o éxito da proposta en cidades como Porto Alegre, en Brasil, no que leva 28 anos implantado", explica Delso, que avanza que "esta experiencia, e outras que teñen lugar noutras rexións, serán referente no Encontro Iberoamericano de Orzamentos Participativos que A Coruña acollerá o próximo ano".
Cidades Democráticas acolle, durante esta fin de semana, tres eventos paralelos aos que asisten representantes de máis de 60 cidades e rexións de todo o mundo: o ConsulCon, xornadas de traballo colaborativo e conferencias arredor de CONSUL, o software libre que soporta a plataforma na que se baseou A Porta Aberta; a Conferencia Internacional, unha serie de mesas redondas arredor das posibilidades das tecnoloxías da participación, ferramentas dixitais e os procesos participativos para transformar as cidades; e Intelixencia Colectiva para a Democracia, unha xornada de presentación dos resultados do obradoiro celebrado desde o pasado 6 de novembro no MediaLab-Prado e á que asistiron representantes de laboratorios cidadáns de todo o mundo, entre os que se incluíu o Co-Lab. Nesta iniciativa, o programa coruñés posto en marcha o pasado ano pola área que dirixe Claudia Delso participou co prototipo docART, "unha ferramenta que desenvolve a Forxa, a base fundamental que recolle a documentación das actividades do Co-Lab, e que pretende converter este repositorio transmedia nun elemento máis accesible", sinalou a edil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible