Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de decembro de 2017

O goberno local convida á cidadanía a asistir este xoves á xuntanza aberta "para analizar e dialogar sobre o proxecto municipal para a mocidade nas Naves do Metrosidero"

A edil Claudia Delso destaca que a proposta municipal “aposta pola creación dun espazo de convivencia e integración que empodere á mocidade da Coruña e da área metropolitana” e anima tamén a asistir ás persoas que están a participar das actividades do CSO A Insubmisa

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, convidou esta mañá á veciñanza, en particular á que asiste ás actividades que se desenvolven no CSO A Insubmisa, a participar na xornada informativa que terá lugar o vindeiro xoves 21 para "analizar e dialogar" sobre o proxecto do goberno local e os usos que este contempla para as Naves do Metrosidero, un equipamento público chamado a ser "un espazo plural, diverso e inclusivo para a mocidade da Coruña". A xuntanza, que terá lugar ás 19.00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella, e que está aberta a todos os colectivos e entidades sociais da cidade, "busca promover un foro de traballo aberto e colaborativo, para reflexionar arredor dunha proposta que pretende dotar á mocidade dun espazo de referencia, no que se sitúe como un suxeito activo e poida empoderarse", explicou Delso. "Nestes dous anos e medio de traballo comprobamos as eivas coas que se atopa a xuventude na Coruña, que carece de espazos comúns de convivencia e integración. Este proxecto pretende ofrecer ás mozas e mozos da Coruña e da área metropolitana un equipamento accesible e facilitador que as o os acompañe para desenvolver as súas inquedanzas creativas, produtivas, de investigación ou de aprendizaxe", sinalou Delso. A este respecto, a edil lembrou que o obxectivo do Goberno local é que as Naves "conten cun sistema de xestión plural, que implique tanto ás persoas usuarias como a colectivos informais e ao propio Concello, posibilidades que xa exploramos tamén nas xornadas de Hiperespazos celebradas o pasado mes de novembro no Centro Ágora", subliñou.

O proxecto do Goberno local contempla a transformación das actuais instalacións --que se atopan nunha parcela que pertence ao Ministerio de Defensa-- en tres naves diferenciadas en función dos seus diversos usos, como son as prácticas deportivas urbanas, a realización de obradoiros e actividades formativas, ou actividades de ensaio, investigación, residencia, formación, producción e presentacións de ámbito escénico. A proposta tamén contempla a posta a punto dunha serie de espazos exteriores e de convivencia, que contarán, entre outros elementos, con conexión a internet ou mobiliario móbil.

A titular da área de Participación e Innovación Democrática tamén recordou que o goberno local apostará polo diálogo para a posta en marcha deste proxecto, "e que esgotará todos os cauces posibles por esta vía antes do inicio das obras de rehabilitación", que acometerá o Ministerio de Fomento nas tres naves nas que a administración local desenvolverá a súa proposta. "O Concello da Coruña leva máis de dous anos demostrando a súa capacidade e vontade de diálogo para chegar a acordos con todos os colectivos e entidades da cidade, unha vía pola que seguirá apostando, até acadar unha saída dialogada para a posta en marcha dun equipamento que dará un servizo á mocidade coruñesa e dinamizará toda a contorna da antiga Comandancia de Obras", afirmou a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión