Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2017

A edil de Participación destaca a "boa acollida" entre a mocidade do espazo de referencia posto en marcha polo goberno local no barrio da Sagrada Familia

A concelleira Claudia Delso avanza que o proxecto piloto municipal de dinamización xuvenil MocidadeSF terá continuidade de cara ao ano que vén “para favorecer a súa consolidación”

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, valorou esta tarde o desenvolvemento do proxecto piloto de dinamización xuvenil promovido polo goberno local no barrio da Sagrada Familia no último trimestre do ano, unha iniciativa que ten, como obxectivo, dotar á xuventude de ferramentas para gañar autonomía e seren suxeitos activos da transformación tanto do barrio como da súa contorna. O proxecto permitiu poñer en marcha un espazo de referencia no 4º andar do centro social do barrio no que a as mozas e mozos da zona e da contorna poidan realizar actividades do seu interese tanto en grupo como a nivel individual. Desde a súa apertura ao público, no espazo, nomeado MocidadeSF, participaron 63 mozas e mozos, con idades comprendidas entre os 11 e 18 anos, e estiveron presentes tanto en actividades de organización e toma de decisións, como noutro tipo de iniciativas, que abranguen obradoiros, charlas informativas, actividades deportivas ou mesmo o uso libre do espazo.

A edil fixo un balance positivo do desenvolvemento de MocidadeSF "pola boa acollida tanto entre a mocidade como entre outros axentes do barrio que colaboraron na primeira etapa da posta en marcha", entre as e os que se atopan o centro cívico e o centro social, a biblioteca municipal, a Unidade de Atención ás Migracións UAMI, o IES Urbano Lugrís, o club deportivo Imperator, o Secretariado Xitano, Ecodesarroio Gaia ou a Asociación Xirxilar. A valoración da titular da área de Participación e Innovación Democrática tivo lugar con motivo da visita a unha das actividades que o espazo acolleu este trimestre, nos que tiveron lugar diferentes faladoiros, xuntanzas, ou obradoiros de baile ou palmas, entre outras propostas. "O goberno local aposta pola mocidade como un dos eixos dos Orzamentos Municipais de cara ao ano que vén, que contan cunha liña transversal de políticas para a xente moza, tendo presente ámbitos como a formación, o emprego, o lecer, ou a participación. Para o Concello da Coruña é priotario apostar por políticas que acompañen e favorezan o desenvolvemento da mocidade. Tanto este espazo na Sagrada Familia, como o proxecto das Naves do Metrosidero, queren dar resposta ás necesidades do colectivo xuvenil e das súas familias", afirmou a edil quen lembrou que o programa de MocidadeSF "naceu ante a unha demanda veciñal específica do barrio".

"MocidadeSF está a consolidarse coma un espazo de referencia para unha mocidade diversa, o que supón unha boa oportunidade para aprender a convivir, respectar, entender, acoller, observar, compartir e sentir, creando comunidade", sinalou Delso, quen avanzou a aposta do goberno local pola continuidade do proxecto, "que xa conta cun grupo de persoas usuarias comprometidas que están a repensar o espazo e a súa saída ao barrio de cara ao ano que vén". "A iniciativa naceu para dotar de recursos á mocidade para empoderala e que ela mesma poida organizarse para a participación, unha proposta na que os grupos de mozas e mozos que normalmente quedan excluídas dos espazos de decisión formulen as súas inquietudes e elaboren respostas propias de acción para a transformación da súa realidade, así como para mellorar as súas opcións de ocio e tempo libre", explicou a concelleira.

O espazo conta con dúas persoas que participan como dinamizadoras, "para que as mozas e mozos poidan poñer en marcha as súas propias ideas e proxectos", expuxo Delso, quen lembrou que a mocidade que asiste ao espazo "realiza asembleas semanais, nas que deciden as actividades que se levarán a cabo nos vindeiros días no espazo, reciben información sobre outros proxectos que se desenvolven no barrio ou na cidade que poden ser do seu interese, e tamén se lles proporcionan os datos necesrios para o uso do local". "Actualmente o grupo adquiriu destrezas suficientes non só para co-deseñar as súas actividades, senón tamén para facilitar as súas propias asembleas. É o grupo o que toma as decisións, mentres que as dinamizadoras achegan a metodoloxía e os materiais, ademais de apoio emocional e loxístico. Son as mozas e mozos da Sagrada Familia as e os que toman a iniciativa do desenvolvemento de MocidadeSF, un espazo que se foi construíndo de maneira colectiva", aseverou a responsable municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión