Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de outubro de 2018

Ferreiro reivindica unha xestión da cidade que dea á veciñanza "poder real para decidir" na apertura do Faro de Oza, un espazo "colectivo, próximo, compartido e xestionado por e para a cidadanía"

O equipamento é o primeiro dos espazos TEU que o Goberno local pon a disposición dos veciños e das veciñas para o seu uso gratuíto

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou unha nova maneira de xestionar as cidades na apertura á veciñanza do Faro de Oza, un edificio simbólico que se converte dende hoxe nun equipamento público dispoñible para uso compartido da cidadanía.  Ferreiro lembrou que un dos obxectivos principais do goberno local dende o inicio do mandato foi "poñer en marcha políticas participativas, políticas que empoderasen á xente, que a colocasen no centro, que lles desen o poder real de decidir de xeito directo na forma de gobernar" ao tempo que considerou que o futuro das urbes "pasa, indiscutiblemente, pola posta en funcionamento de espazos colectivos, próximos, compartidos e xestionados por e para a propia cidadanía". "A reapertura do Faro de Oza dime que imos polo bo camiño. Porque hoxe, non só poñemos un equipamento a disposición da cidadanía, senón que iniciamos un camiño. O Faro é o primeiro dos espazos que abriremos coa xente e para a xente, para que os e as coruñesas poidan solicitalos, usalos e desfrutalos", afirmou. Así, o Faro de Oza convértese no primeiro TEU, Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña, e que se poderá comezar a solicitar a partir do luns.

Ferreiro, que estivo acompañado no acto da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quixo tamén resaltar a importancia simbólica da recuperación para a cidade deste espazo, que acumula parte da "memoria colectiva, histórica e sentimental de moitos e moitas veciñas que levan décadas reclamando este momento", e do barrio no que se sitúa e que, "ao longo dos séculos, tanto lle aportou á cidade". "Oza foi o primeiro barrio consciente de que os límites administrativos non reflicten a realidade dunha cidade. Coa súa anexión á cidade, en 1912, non só gañamos a presenza, a historia e a beleza de Santa María de Oza, Elviña, San Cristóbal e San Pedro de Visma, senón que tamén crecemos, conscientes de que as cidades non poden ser illas, senón espazos cooperativos entre si", afirmou.

Este novo espazo que se abre estará a disposición de todos veciños e veciñas, entidades sociais e colectivos da cidade, que solo deberán cumprir coas regras de funcionamento para facer uso compartido do mesmo. A Concellería de Participación e Innovación Democrática, que se encarga da súa xestión, permitirá que calquera persoa veciña e censada na cidade que sexa maior de idade celebre reunións, actividades sociais e culturais, cursos de formación, reunións de ámbito privado ou outros tipos de xuntanzas de xeito gratuíto. A solicitude pódese facer no rexistro ou a través da sede electrónica, e no web http://www.coruna.gal/participacion/gl/faro-de-oza pódese consultar toda a información sobre o espazo e o procedemento.

A persoa que reserve o espazo, sempre cun mínimo de sete días de antelación, deberá facerse tamén responsable do seu coidado. O uso puntual do espazo poderá solicitarse por un máximo de dous días, salvo excepcións puntuais. O horario de apertura está marcado de 09.00 a 22.00 horas. O equipamento conta con dúas salas de 30 e 40 metros cadrados respectivamente, nas que están dispoñibles mesas e cadeiras pregables. As chaves entregarase á persoa que asinou a solicitude de uso e recolleranse no propio Faro de Oza, ao inicio e ao finalizar cada actividade. Nesta entrega, unha persoa técnica explicará o funcionamento así como a historia do equipamento, co obxectivo de poñer en valor o elemento patrimonial así como os coidados asociados ao mesmo.

Reapertura

O Faro de Oza reábrese cunha programación de portas abertas durante a fin de semana que pretende convidar e animar á veciñanza a coñecer o espazo e a súa versatilidade, así como para descubrir a súa historia, que xira en torno á memoria e ao mar. As actividades previstas, tanto dentro do faro como no terreo adxacente, reúnen música, historia, xogos, comidas populares ou andainas, entre outras. A programación comezou este mediodía coa apertura institucional na que participou o alcalde xunto a entidades do barrio e continúa co monólogo Se o Faro falase, a cargo da actriz Isabel Risco. A continuación, ás 17.00, celebrase o xogo de enigmas Seica... unha vez en Oza, para maiores de 14 anos. Tamén a esa hora terá lugar un obradoiro de papiroflexia para todas as idades chamado Mi Madriña Querida! Entre as 18.00 e as 19.00 horas está programado o coloquio veciñal Memorias de area e salitre, mentres que entre 20.00 e 21.00 horas está previsto o recital de Aldaolado dende a terraza do faro.

O domingo comezará ás 11.00 cunha Andaina entre nasas pola Oza mariñeira, unha actividade que conta coa colaboración da Confraría de Pescadores da Coruña. Entre as 13.00 e as 13.45 terá lugar o concerto do grupo Soplo na capela de Oza, mentres que entre as 14.00 e as 17.00 está previsto un xantar popular no entorno do faro. Entre as 17.00 e as 18.00 terá lugar, de novo, o xogo de enigmas Seica... unha vez en Oza. Para rematar, entre 18.00 e 19.00, a Unión de radioaficionados de Coruña, conectará coa rede de persoas radioaficionadas para poñer en valor a función dos faros para enviar sinais e mensaxes. Ademais, o domingo haberá, durante todo do día, un encontro con debuxantes e debuxantas urbanas. A oferta complétase cunhas actividades permanentes, con mostras e safari fotográfico (para descubrir o entorno do Faro con fotos antigas), así como proxeccións audiovisuais.

Documentos:

Programación Reapertura Faro de Oza (1 MB)

Condicións de uso do Faro de Oza (243 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión