Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de novembro de 2018

O Concello pon á disposición da cidadanía dous novos espazos TEUs en Novo Mesoiro, “que estarán abertos para o uso común do barrio, pero que tamén poderán ser solicitados pola veciñanza para eventos particulares”

A concelleira de Participación, Claudia Delso, salienta que estes dous locais, que estarán dispoñibles dende o día 3 de decembro, intégranse na nova rede de infraestruturas sociais abertas á cidadanía, como é o caso do Faro de Oza. O Concello celebra o domingo 2 unha xornada de portas abertas con actividades gratuítas para dar a coñecer os novos espazos

A veciñanza da Coruña disporá de dous novos locais TEU, (Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña), localizados en Novo Mesoiro dende o vindeiro 3 de decembro. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu a coñecer esta mañá a ampliación desta rede de espazos despois de que a mesma se estrease o pasado mes de outubro coa posta en funcionamento do Faro de Oza como primeiro TEU. De cara a dotar de máis información sobre o seu uso á veciñanza, o Concello dará a coñecer estes dous locais, localizados nos números 15 e 17 da rúa Ribeira Sacra, cunha xornada de portas abertas con actividades gratuítas o vindeiro domingo 2 de decembro.

O funcionamento destes dous novos espazos ten unha serie de características propias e é que combinan varias posibilidades de uso restrinxidas en franxas temporais delimitadas."Estes locais en Novo Mesoiro deben dar resposta tamén a unha das necesidades do barrio e da área, que foi detectada en xuntanzas con entidades e nun proceso participativo que se levou a cabo o pasado ano, que é a escaseza de espazos públicos para a veciñanza e para a mocidade que vive na zona", apuntou Delso en rolda de prensa. Por iso, os dous espazos municipais incorporan dous sistemas para o seu emprego diferenciado "xa que estarán abertos para o uso común do barrio, pero tamén poderán ser solicitados por calquera veciño ou veciña para eventos particulares, como acontece co faro de Oza, que está a ter moi boa acollida". Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode reservar de maneira gratuíta e previa reserva o espazo durante as fins de semana e as mañás, así como as tardes dos venres (entre as 20.30 e as 22.00 horas) ademais de durante todas as tardes do mes de xullo e todo agosto (durante toda a xornada) seguindo a mesma modalidade que se aplica en Oza. Ademais disto, os dous locais de Ribeira Sacra estarán abertos, de forma xeral durante as tardes da semana, para calquera persoa que queira achegarse e facer uso do espazo, que ten postos de lectura e conexión a Internet por wifi, en horario de 17.00 a 20.30 horas. "Detrás desta rede de espazos TEUs está a idea de que máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos públicos e que poidan acceder a eles a través dun modelo de xestión diferencial, facilitador, accesible e simple", manifestou a responsable municipal. "Todo o mundo poder facer uso destes espazos, en calquera das súas dúas modalidades. En xeral, están abertos de forma xeral a toda a cidadanía que precisa dun lugar para estar, traballar, conectarse á rede ou desenvolver actividades colectivas, ademais de a asociacións, entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local ou por non ter os recursos necesarios, desexen desenvolver unha actividade nestes espazos de carácter social ou cultural e que sexa gratuíta para as persoas asistentes".

Características dos locais

O baixo de titularidade municipal situado no número 15-1 da rúa Ribeira Sacra ten unha superficie útil de 80 metros cadrados, mentres que o do número 17 suma 106 metros cadrados. O primeiro conta coa maioría de superficie en planta baixa, aínda que ten un espazo pequeno en planta superior. Está equipado con cociña con forno e campá extractora, mamparas separadoras, mobiliario básico, postos individuais de lectura, estudo e traballo con conexión á rede wifi e aseos. O segundo local conta cunha plataforma de madeira elevada para pequenas actuacións, mamparas separadoras, mobiliario básico, postos individuais de lectura e traballo con conexión, cañón proxector, toma de auga e fregadeiro e aseos.

Sistema de petición

Ademais do uso cotiá que se poida facer en ambos locais, as persoas, asociacións ou entidades que desexen realizar unha actividade grupal, dentro do horario habitual de apertura (tardes da semana) poden solicitar a reserva de espazo ao persoal de información e apoio que estará presente nos locais da Ribeira Sacra. Esta petición debe ser formalizada de forma presencial cun mínimo de antelación de tres días. En principio, e para dar pluralidade de uso ao local, non poderán levarse a cabo actividades, obradoiros e cursos de forma continuada durante varias semanas. "As actividades grupais en horario habitual de apertura non poderán exceder, claro está, o aforo máximo dos locais, de 50 e 70 persoas respectivamente. É moi importante que quede claro que non se permitirá ningunha actividade con ánimo de lucro, nin de venda de produtos nin que conleve compra de entradas.

Pola súa banda, no caso de unha persoa, entidade ou colectivo radicado no termo municipal queira solicitar o uso puntual e reservado dalgún dos espazos TEUs de Novo Mesoiro será necesario, como no caso do Faro de Oza, que presenten a súa petición ou ben por rexistro no punto habilitado no centro cívico de Novo Mesoiro, en María Pita, no Fórum Metropolitano ou no Ágora, ou ben a través da sede electrónica na páxina do Concello. Os formularios de solicitude estarán presentes nos puntos físicos indicados e poderán descargarse na web municipal de Participación Cidadá. Neste caso, poderán solicitarse datas dentro do mes en curso e até dous meses vista como máximo. A antelación mínima de petición é de 7 días naturais.

Do mesmo xeito que no Faro de Oza, os actos que se realicen de forma puntual non poderán molestar á veciñanza da contorna. As actividades que entrañen ánimo de lucro, venda de produtos ou actividade económica algunha estarán prohibidos, do mesmo xeito que non estará permitido o consumo de bebidas alcohólicas e/ou drogas. A persoa solicitante (maior de idade e empadroada na Coruña) debe encargarse a recoller o lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.

Entre os meses de setembro e xuño, de luns a venres, autorizarase o uso puntual reservado dos locais en horario de mañá, de luns a venres, entre ás 09.00 e as 15.00 horas, ademais dos venres pola tarde, entre 20.30 e 22.00 horas. Durante o mes de xullo, as autorizacións puntuais para usar o local de forma reservada concedéranse en horario de tarde, entre ás 16.00 e ás 22.00, mentres que en agosto, os locais poderán ser reservados para usos puntuais durante días completos (de 09.00 a 22.00 horas). Os sábados, domingos e festivos, os locais están dispoñibles para o uso reservado o día completo, en horario de 09.00 a 22.00 horas. As autorizacións do uso puntual  outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro.

Inauguración

A concelleira quixo facer un chamado a toda a cidadanía para que participe na primeira toma de contacto cos TEU da rúa Ribeira Sacra, que está prevista para o domingo 2 de decembro cunha xornada de portas abertas que contará con programación cultural para todos os públicos.

As actividades desenvolveranse en horario de 12.00 a 20.00 horas, ocupando a primeira media hora a benvida, que dará paso a un obradoiro de percusión corporal co equipo da Escola Música Maestro! de Mesoiro. Entre as 16.00 a as 17.00 terá lugar unha actividade de Escape room Sae, se podes, co que unha das salas se converterá un reto de enigmas. Entre 16.30 e 18.00 horas tamén terá lugar un obradoiro de elaboración de xabróns e cosmética natural, neste caso no local do número 15, mentres que entre 17.00 e 18.30 terá lugar un obradoiro de danza e movemento Habitar o espazo, con Rut Balbis, da compañía Pisando Ovos. Entre as 18.00 e as 19.30 tamén se celebrará un obradoiro de conservas de tempada, mentres que durante todo o día terá lugar un safari e concurso fotográfico chamado Coñeces o barrio? Queremos velo, que contará con roteiros acompañados ás 13.00 e ás 16.30 horas.

Dende esta xornada queda aberto un concurso fotográfico nas redes sociais para publicar fotografías de Novo Mesoiro co cancelo #NovoMesoiroTEU. Estas imaxes serán localizadas se están en perfís públicos de Instagram, Twitter ou Facebook e as seleccionadas serán impresas para conformar un mosaico fotográfico que estará exposto durante todo o día de portas abertas. Esa mesma xornada, e como parte do roteiro fotográfico invitarase aos e ás participantes a subir máis fotos a redes para ampliar o mosaico. Como remate, ás 19.00 horas pecharase a selección de imaxes e a mellor fotografía será votada e premiada pola veciñanza que se atope nese momento no local.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión