Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de abril de 2018

A Concellería de Xustiza Social atendeu 1.559 prestacións do servizo de axuda no fogar durante o pasado ano, unha partida que aumenta en casi 800.000 euros este exercicio

A edil Silvia Cameán explica que os programas municipais dirixidos a maiores chegaron a máis persoas o pasado ano grazas ao incremento orzamentario e tamén á introdución de criterios sociais nas súas bases

A Concellería de Xustiza Social e Coidados, que dirixe a edil Silvia Cameán, atendeu durante o pasado ano 1.559 prestacións de servizo de axuda no fogar, tanto na súa modalidade básica, como na de dependencia ou para a atención domiciliaria socio-sanitaria. "Isto supón un importante incremento respecto a 2016, unha suba que se nota especialmente na atención socio-sanitaria. Asinouse un novo contrato no que investimos máis dun millón de euros para poder dar, de maneira áxil, apoio para estabilizar situacións de urxencia", indica a concelleira. O orzamento para estas políticas de atención á dependencia e promoción da autonomía persoal reciben este ano un incremento de casi 800.000 euros máis, "un crecemento que se mantén ano a ano nas contas deste Goberno local, xa que no pasado exercicio xa se destinara un millón de euros máis que en 2016", apunta Cameán.

As altas no servizo de atención socio-sanitaria creceron nun 55%, ata as 144, o pasado ano, "unha prestación na que existe unha estreita colaboración cos e coas traballadores socias do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, polo que se realizan de maneira moi áxil as derivacións ao servizo municipal". Esta prestación proporciona, con carácter temporal e urxente, un conxunto de atencións domiciliarias para estabilizar situacións de urxencia sobrevida, orientadas principalmente ao apoio da recuperación funcional, pero tamén a situacións de enfermidade terminal. A Concellería de Xustiza Social e Coidados sacou o pasado exercicio un novo contrato por un importe de  1.002.780 euros ao ano, co que se incrementara o gasto nun 14% para todo o servizo de axuda a domicilio. Isto, engadido ao orzamento que xa estaba dispoñible para este fin, suma 6.934.780 euros ao ano, o que permite prestar o servizo por unha cantidade aproximada de 5.600 horas máis. Ademais, a oficina municipal de dependencia realiza dende o pasado ano seguimento telefónico "que evita os desprazamentos de persoas maiores e permite ao persoal técnico ter coñecemento constante das posibles variacións nos casos. Tamén dende o pasado ano realízase acompañamento dende o servizo, "no que persoal técnico se encarga de supervisar e axudar ás persoas solicitantes e usuarias no trámites máis complexos".

A titular de Xustiza Social incide nos incrementos de persoas nestes programas como outros que dependen do seu departamento "tanto polo incremento de fondos como pola introdución de criterios máis sociais nas súas bases, como é o caso do bonotaxi ou o talón restaurante". Así, explica que o servizo de teleasistencia atendeu durante o pasado ano a un 10% máis de persoas, mentras que o de comida a domicilio subiu un 18%.

Neste ano está prevista a posta en marcha de novos programas sociais, dirixidos a persoas maiores, "que teñen como obxectivos a detección de casos de soidade, así como a prevención de situacións de risco". Buscarase con eles a implicación da comunidade para detectar situacións de soidade non desexada na que a veciñanza, tendas ou farmacias teñen unha canle de comunicación cos servizos do Concello para alertar, sen intromisión e dende o respecto, calquera situación de vulnerabilidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión