24 de xaneiro de 2023
O calendario de actuacións ábrese este domingo 29 de xaneiro, coa peza ‘Sotobosque’, da compañía Inspira Teatre
O centro sociocultural Ágora acolle, desde esta fin de semana, o inicio da programación do ciclo Bebescena para cubrir esta tempada de primavera, que abrangue un total de seis espectáculos teatrais, musicais, sensoriais e escénicos, orientados ao público familiar e, máis en concreto, ás crianzas.
A compañía Inspira Teatre, con Laia Piró, Neus Umbert e Esther Westermayer como intérpretes do espectáculo 'Sotobosque', será a encargada de inaugurar esta nova tempada de Bebescena. A función está ideada para familias con crianzas de entre un e catro anos de idade. A través da música e as artes visuais, os máis pequenos adentraranse nun bosque imaxinario, un lugar cheo de marabillas onde explorar, escoitar e xogar coas plantas, árbores e animais. 'Sotobosque' terá lugar este domingo 29 con dous pases, ás 11.30 e 13.00 horas, no Ágora.
Tras 'Sotobosque', a programación continuará entre febreiro e maio, coas seguintes datas e espectáculos, sempre no Ágora e con dúas funcións:
Implicación do público
Unha das particularidades do ciclo Bebescena é a proximidade entre a escena e o público, o que leva a que o patio de butacas se transforme nunha zona moi próxima ao escenario, con alfombras, coxíns, e bancos, e onde as nenas e nenos poden permanecer sentados con menos rigor e dun xeito máis acorde á súa anatomía, a carón das nais e pais. A duración das sesións flutúa entre 30 e 45 minutos, que é o tempo estimado segundo o cal a atención dun bebé está concentrada na actividade.
Xa está activada a venda de entradas para os espectáculos previstos, coas localidades para o primeiro, este domingo 29, xa esgotadas. Os prezos son: entrada a 6 euros; menores de 3 anos, 2 euros; e abonos familiares, con tres entradas para a mesma función, a 15 euros.
Os billetes poden mercarse no despacho de billetes do IMCE habilitado na praza de Ourense, aberto de luns a venres (agás festivos), en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas. Poderanse tamén adquirir pases no Centro Sociocultural Ágora, ata unha hora antes do inicio dos espectáculos, no caso de que haxa entradas dispoñibles.
Programación Bebescena no primeiro semestre de 2023 (462 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible