Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos - Recitais poéticos

Chus Pato e Iman Mersal, dous grandes nomes femininos, cargados de referencias globais e de conciencia de xénero.

Cando:

14/01/2013 ás 23:59

Xa rematou

Horario:

20.30 h.

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora

Documentos:

Folleto ciclo (545 KB)

Mersal dirixiu durante anos unha revista feminista independente en Exipto antes de trasladarse ao Canadá, onde actualmente é profesora de literatura árabe. Ademais, estará a presentar en primicia o seu primeiro poemario traducido ao castelán; editado por Huerga & Fierro, “Caminar cuanto sea posible” darase a coñecer por vez primeira en España na Coruña.

IMAN MERSAL

Nada no Delta do Nilo, Iman Mersal foi cofundadora e editora da revista feminista independente Bint al-Ard (Filla da Terra) e da literaria Adab wa Naqd (Literatura e Crítica) durante varios anos en Exipto. Doutorada pola Universidade do Cairo, boa parte da súa contribución académica e publicacións como ensaísta e estudosa da literatura versan sobre as identidades diaspóricas. Andando o ano 1998 trasladouse a Boston (EE.UU.) e máis tarde a Edmonton (Canadá), onde actualmente traballa como profesora asociada de literatura árabe na Universidade de Alberta. Ademais vén de recibir unha bolsa posdoutoral EUME no Forum Transregionale Studien de Berlín.

Como poeta, Mersal é autora de catro libros publicados en árabe no seu país natal: en 1990 "Ittisafat" (Caracterizacións) fixo un excelente debut, pero "Mamarr Mu?tim Yasluh li Ta?allum al-Raqs" (Un corredor escuro é acomodado para aprender a bailar) marcaría en 1995 un punto de inflexión e reeditaríase no 2004. De 1997 é "Al-Mashy Atwal Waqt Mumkin" (Caminar cuanto sea posible), e ata 2006 houbo que esperar por "Jughrafiya Badila" (Xeografía alternativa). Para este 2013 espérase a publicación de "Hatta Atakhalla a'n Fekrat al ? Biout" (Ata desistir da idea de fogar). Ademais, unha antoloxía persoal traducida ao inglés viu a luz en Nova York e outros textos seus téñense vertido a linguas como o francés, castelán, holandés, alemán, hebreo ou italiano en prestixiosas publicacións, á vez que mostra o seu traballo en festivais e encontros internacionais por todo o mundo. Tamén ela mesma ten co-traducido do inglés para o árabe unha obra de Waguih Ghali, e colaborou co cineasta Shabnam Sukhdev nun filme baseado na súa propia poesía e experiencia da diáspora: "Extranjera en su propia piel". 

É agradable

volver contemplar as fotos da miña infancia.

Poder afastar a idea constante

de que eu era o bonito proxecto de me converter noutra persoa,

pero que foi desbaratado polas miñas acertadas decisións. 

 

CHUS PATO

Aínda que naceu en Ourense, Chus Pato reside hoxe en Lalín, onde traballa como profesora de Xeografía e Historia. Constitúe unha das figuras máis innovadoras, destacadas e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea. Comezou a publicar poesía en 1991 con "Urania", ao que seguiría en 1994 "Heloísa", en 1995 "Fascinio" (cunha 2ª edición en 2010), e en 1996 "Nínive", que foi galardoado co Premio Losada Diéguez de Creación Literaria. A continuación saíu "El puente de las potras" (1996), que conseguiría tamén unha segunda edición dez anos máis tarde. Do ano 2000 é "m-Talá", do 2003 "Charenton", e de 2008 "Hordas de escritura", que volveu conseguir o Premio Losada Diéguez e tamén o Premio da Crítica Española. Os seus últimos títulos orixinais son “Secesión” (2009) e a antoloxía sonora “Nacer é unha república de árbores” (Cumio. Pontevedra, 2011).

Existen ata cinco volumes da súa obra con traducións ao inglés a cargo de Erín Moure, que foron saíndo dende 2003 a 2012 sobre todo no Canadá. Así mesmo, en castelán cóntase coa antoloxía "Un Ganges de palabras" (2003), traducida por Iris Cochón; tamén está "Heloísa" (1998) en versión de Xosé Manuel Trigo; "m-Talá" viu a luz en 2009 en Bos Aires traducido por Teresa Arijón e Bárbara Belloc, e "Hordas de escritura" seguido de "Secesión" fíxoo este ano en Madrid traducido por Ana Gorría. A obra de Chus Pato está incluída en prestixiosas antoloxías de ámbito nacional, estatal e internacional, e así mesmo foi convidada aos festivais internacionais de Barcelona, Rosario, A Habana, Bos Aires, Bratislava, Róterdan e Felix de Ambëres. 

Eleusis

Isto

eu

aquí

agora 

ti

hoxe

mañá

entón

o mesmo día

sempre

 

nada hai na voz nada

unha lingua de fogo que a todos e a cada unha pertence

 

pero quen dei o idioma é a voz

non está

e volve

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión