17 de maio de 2025
En paralelo, avanzan os traballos de instalación doutras catro bases, que entrarán en servizo no Castrillón, Novo Mesoiro e Lonzas cando se completen os últimos detalles técnicos
O Concello da Coruña avanza coa súa nova fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que prevé sumar novas estacións nos barrios da Gaiteira, O Birloque, Pedralonga e o Ensanche, así como no parque de Bens.
A concelleira de Infrastruturas e Mobilidade, Noemí Díaz precisou hoxe que, con 49 estacións operativas, "seguimos a dar os pasos necesarios para incrementar o número de bases en todos os distritos da Coruña, atendendo ás demandas das persoas usuarias e tendo en conta, ademais, os fluxos de circulación pola cidade, que son fundamentais para determinar onde se actúa".
Neste sentido, e tras avaliar os emprazamentos máis idóneos para habilitar estas cinco novas bases, a súa ubicación será a seguinte: a da Gaiteira, no treito da avenida de Oza máis próximo á rolda de Outeiro; no Birloque, na rúa Manuel Ferrol; en Pedralonga, á beira da estrada de Eirís, no acceso á Cidade das TIC; na contorna da praza de Pontevedra, no cruzamento entre as rúas Alfredo Vicenti e a avenida de Fisterra; e no parque de Bens, preto do seu acceso principal.
Esta semana instaláronse catro novas estacións, paso previo á súa posta en servizo
Ao longo desta semana, o Concello actuou nos barrios do Castrillón, Novo Mesoiro e a contorna de Lonzas para instalar catro novas bases de BiciCoruña. A súa posta en rúa precede sempre ás actuacións necesarias para dotar as estacións de subministro eléctrico e, a posteriori, conectalas ao sistema para, xa finalmente, dotalas de bicicletas e activar a base para que preste servizo.
A base do Castrillón xa é visible a poucos metros da praza da Concordia, mentres que as dúas novas estacións de Novo Mesoiro están ubicadas, concretamente, na avenida de Novo Mesoiro e a rúa Fragas do Eume. En Lonzas, os traballos leváronse a cabo no treito final da avenida do Ferrocarril, xa chegando ao cruzamento coa rúa Doutor Joaquín Cotarelo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible