21 de setembro de 2023
O Goberno de Inés Rey ten previsto ampliar a rede de estacións cun mínimo de 30 máis, con 640 ancoraxes
As próximas bases en instalarse estarán localizadas na contorna da praia de Oza, o polígono de Pocomaco, o campus de Oza, o campus da Zapateira e outras dúas no campus de Elviña
O Goberno municipal aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, a saída a licitación do contrato correspondente á terceira fase de expansión do servizo municipal de BiciCoruña. Trátase dun dos 17 proxectos cos que o Concello, a finais de abril, obtivo financiación estatal a través da segunda convocatoria dos fondos Next Generation.
O investimento previsto, explicou a alcaldesa, Inés Reu, é de 2.568.000 euros, e permitirá sufragar, en primeiro lugar, a adquisición de 300 novas bicicletas eléctricas, de tipo urbano. Entre as súas características destaca a tornillería con tecnoloxía antivandálica e antirroubo. Disporán dun cadro de barra baixa e manillares de aluminio, con alta resistencia á corrosión.
O custo para dotar ao servizo de BiciCoruña das novas bicicletas eléctricas será de 1.069.125,75 euros. O prazo de execución estimado polo Goberno municipal para que se complete esta intervención é de aproximadamente oito meses, a contabilizar desde o inicio do ano 2024.
1,4 millóns de investimento para dotar aos barrios dun mínimo de 30 estacións máis
En paralelo, o Concello tamén acometerá a ampliación da rede de estacións de BiciCoruña. Se na primeira fase, iniciada en xullo de 2022, se marcou como obxectivo chegar ás 55, a meta plantexada nesta segunda quenda é incrementar o número de bases nun mínimo de 30 máis, a repartir entre os barrios da cidade.
Esta ampliación suporá un investimento específico de 1.408.150,21 euros, partida orzamentaria que inclúe a adquisición das propias estacións -en módulos de fácil instalación e que esixan a mínima obra civil, construídos con materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e á corrosión- e tamén dos cadros eléctricos necesarios para conectar as bases á rede de subministro.
A este respecto, das 30 novas estacións a habilitar -é o mínimo que plantexa o contrato, polo que poderían ser máis en función das ofertas presentadas durante a fase de licitación-, 20 serán de carga eléctrica (cun total de 450 ancoradoiros) e as 10 restantes disporán de paneis mixtos de carga solar-eléctrica (cun total de 190 ancoradoiros). Todas elas serán compatibles cos sistemas TIC e o software incorporado ao servizo actual de BiciCoruña.
Un novo vehículo eléctrico de reparto e un centro de lavado para as bicicletas
Por outra banda, tamén se adquirirá un novo vehículo eléctrico que servirá para ampliar a frota de furgonetas coas que o persoal de Mobilidade procede a diario ao reparto e subministro de bicicletas nas estacións operativas. O investimento previsto neste novo vehículo é de 80.351,92 euros.
Xa por último, tamén se prevé habilitar un centro de lavado para reforzar as tarefas de mantemento e limpeza da frota de bicicletas, tanto mecánicas como eléctricas. A súa posta en funcionamento suporá un investimento de 10.372,12 euros, e a previsión é que esté en marcha no primeiro semestre do vindeiro ano.
Cofinanciación estatal e municipal
A finais de abril, o Concello obtivo 9,1 millóns de euros na segunda convocatoria dos fondos europeos Next Generation, un importe que permitirá acometer 17 actuacións urbanísticas repartidas entre os barrios dos Mallos - A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, O Castrillón, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e o polígono de Agrela.
Estes 9,1 millóns procedentes do Goberno estatal complementaranse cunha achega municipal de 3,1 millóns de euros, o que permitirá acometer diferentes melloras na cidade por un importe total de 12,3 millóns de euros.
No caso específico da segunda fase de expansión de BiciCoruña, que contempla un investimento de 2.568.000 euros, 1.910.082,64 euros correspóndense a fondos estatais (o 90%) e 657.917,36 euros a fondos municipais (o 10% restante).
Dito investimento acometerase en dúas anualidades, a abonar entre os anos 2024 (1.863.924,90 euros) e 2025 (704.075,10 euros).
O obxectivo: chegar as 55 bases antes de finalizar o ano
O Concello encara xa a recta final da primeira fase de expansión aos barrios do servizo municipal de BiciCoruña, que contempla a posta en marcha de 55 estacións. Destas 55, hai 49 xa activas para o uso e disfrute das persoas usuarias -as últimas en habilitarse foron as do Barrio das Flores e a da contorna do CHUAC, a semana pasada-. Son máis do doble das existentes no 2019.
Neste sentido, as próximas seis estacións en instalarse, que completarán a primeira fase de expansión do servizo, estarán localizadas na contorna da praia de Oza, o polígono de Pocomaco, o campus de Oza, o campus da Zapateira e outras dúas no campus de Elviña.
Ademais, a mediados do pasado mes de xullo, o Concello puxo en servizo 92 novas bicicletas eléctricas que ampliaron a frota de vehículos do servizo municipal BiciCoruña, ao sumarse ás 514 unidades xa incorporadas polo Goberno municipal no último ano. Desta forma, incrementouse a máis de 600 as unidades (tanto eléctricas como mecánicas) que están dispoñibles para as persoas usuarias.
"No ano 2019 o servizo de BiciCoruña tiña 23 estacións, ningún vehículo eléctrico e na cidade había menos metade dos carrís ciclables que temos hoxe en día. O uso das bicis municipais estaba vinculado principalmente ao ocio. A aposta que fixo este Goberno pola bici como medio de transporte permitiu que hoxe sexa unha alternativa real ao vehículo privado. As bicis sumaban nun bo ano antes do 2019 200.000 usos ao ano, hoxe levan máis de 700.000 no que vai de 2023, e o obxectivo que nos marcamos coa terceira gran expansión do servizo é poder superar o millón e medio de usos ao ano reforzando o papel da bici eléctrica como medio de transporte alternativo ao vehículo privado", indicou a alcaldesa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible