Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2022

A Mini Atlántica, unha Coruña42 deseñada para menores

O maratón Coruña42 regresará ao calendario atlético o domingo 2 de outubro precedido da Mini Atlántica, unha proba que brindará a menores de idade a oportunidade de ser "finishers".

No seu obxectivo de fomentar a práctica da actividade física desde idades temperás, o Concello da Coruña promove o sábado 1 de outubro, véspera de Coruña42, unha carreira concibida para quen naceu a partir de 2005.

A inscrición, do mesmo xeito que no caso das probas para menores de Coruña Corre, será gratuíta. Para participar na Mini Atlántica hai que apuntarse a través da seguinte ligazón.

Todas as persoas que se anoten á proba terán que levar un dorsal con chip desbotable xa que haberá un premio, xentileza de Decathlon, para o colexio que acuda con máis participantes, un dato, o do centro escolar de procedencia, que se solicitará no momento de inscribirse á carreira.

Aínda que todas as categorías, con excepción da de Peques, contarán con clasificacións que se poderán consultar na web de CC Norte, non haberá cerimonia de premiación na Mini Atlántica xa que todos obterán unha medalla de 'finisher' por participar.

As categorías serán as mesmas que no circuíto Coruña Corre: sub-18 (nacidos en 2005 e 2006), sub-16 (2007 e 2008), sub-14 (2009 e 2010), sub-12 (2011 e 2012), sub-10 (2013 e 2014) e Peques (ano 2015 e posteriores).

A Mini Atlántica é unha carreira inclusiva e está aberta a atletas con discapacidade que nacesen de 2005 en diante.

As probas realizaranse nun circuíto pechado na zona do Parrote, comezarán ás 11:00 horas e está previsto que conclúan cara ás 13:30.

A entrega de dorsais efectuarase en Exporunning, a feira do corredor, que estará situada no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco), o venres 30 de setembro das 17.00 ás 22.00 horas. Tamén se poderán recoller o sábado 1 de outubro, día da carreira, nunha carpa que se habilitará no Paseo do Parrote ata unha hora antes de cada proba.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión