Vista aérea do castro e da súa contorna
Dominando terra e mar
O castro de Elviña sitúase nun pequeno outeiro de 120 m de altura, situado xeograficamente nos Montes da Zapateira, que dominan o acceso á península coruñesa desde as terras do interior. O castro construíuse nunha posición estratexicamente avanzada: sobre un outeiro, illado no centro do val, dominando as rutas de tránsito terrestres e as áreas costeiras da península da Coruña.
Conta con numerosas terras de labradío, nunha contorna moi apta para a agricultura e a gandería, que o converten nunha localización idónea para a subsistencia dunha sociedade agropecuaria. Hoxe en día, aínda se estenden por el terrazas de cultivo ben estruturadas e comunicadas co castro, que poderían datar mesmo da mesma época como indican os topónimos da zona: Maceiras, Viñas, Sobrado, Souto, Grelas, Fontenla...
A ría que nace aos seus pés ofrece boas características para a navegación de navíos dedicados ao comercio a longa distancia, bos portos e fondeadoiros, e constitúe, ademais, a saída máis cómoda cara ao mar. Esta área do Golfo Ártabro é unha das escasas zonas nas que é posible establecer unha navegación interior desde as Rías Altas ata as Rías Baixas. De feito, o castro contou con notables conexións con outros pobos alén do atlántico.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible