19 de setembro de 2022
A programación desenvolverase do 30 de setembro ao 18 de novembro
A venda anticipada de entradas, con prezos de 7 e 9 euros, pode facerse a través da web www.ataquilla.com ou de xeito tradicional no despacho de billetes da praza de Ourense
Cinco obras teatrais, representadas por outras tantas compañías galegas, conforman a programación de outono do ciclo Sen Numerar, do Fórum Metropolitano. As representacións serán os venres ás 21.00 horas.
O ciclo comezará o 30 de setembro e desenvolverase ata o 18 de novembro. A venda anticipada de entradas farase a través da web www.ataquilla.com e no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Poderanse adquirir tamén unha hora antes de cada espectáculo no Fórum, sempre que queden entradas dispoñibles.
Os prezos das entradas son de 9 euros para o público en xeral e de 7 euros para as persoas desempregadas, as maiores de 65 anos e as titulares do Carné Xove.
Con este ciclo, o Fórum Metropolitano volve abrir as súas portas para obras de teatro de pequeno e mediano formato para, desta maneira, seguir consolidando públicos, a través dunha programación de teatro en galego que conxuga variedade de estilos e postas en escena con música techno, teatro contemporáneo e monólogo.
A programación está especialmente centrada na comedia; coas compañías galegas Funboa, Abismo Caracol, Empatía Teatro, Mofa&Befa e Matrioshka Teatro, que desenvolverán os seus espectáculos os días 30 de setembro, 14 e 28 de outubro e 4 e 18 de novembro. Trátase dunha programación elaborada polo IMCE e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Entre os espectáculos previstos figura a obra coa que Mofa & Befa celebra o trinta aniversario da súa creación, cunha representación estruturada en forma de sketches. Tamén destaca a presenza de intérpretes destacados, como é o caso de Manuel Manquiña.
PROGRAMACIÓN CICLO SEN NUMERAR FÓRUM
Mais información, na ficha específica sobre o ciclo Sen Numerar Outono 2022 .
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible