Edward Weston, fotógrafo norteamericano nado en 1886, forma parte dese restrinxido grupo de artistas que foron capaces de elevar a súa capacidade creativa á categoría de arte. Existe un antes e un despois na historia da fotografía tras a achega do seu traballo.
Dende o 20/09/2013 ata o 20/10/2013
Xa rematou
Esta exposición foi concibida en primeiro lugar por Manuel Barbié Nogaret. Tras a triste perda deste grandísimo galerista barcelonés, a súa irmá, Laura, decidiu culminar o proxecto no que Manuel puxera tantas ilusións e presentar así esta exposición como homenaxe. Os nosos queridos amigos da galería ArtePaso trasladan a mostra á súa galería de Madrid e axúdannos a poder traer esta fantástica exposición a Atlántica Centro de Arte. Por unha banda, queremos agradecer a Artepaso a súa inestimable colaboración para poder traer á Coruña esta exposición.
E, doutra banda, consideramos unha honra poder albergar unha mostra da calidade da obra dun grandísimo xenio da fotografía como é Edward Weston, que nos descobre e nos presenta unha nova concepción do horizonte fotográfico. A modernidade, a contemporaneidade das súas imaxes tomadas nos albores do século XX, fan del un precursor e un mestre da fotografía.
Así como Marcel Duchamp descontextualizou o obxecto cotián, concluíndo que a arte é unha actitude mental do espectador; Warhol logrou converter en iconas pop obxectos popularizados polos medios de comunicación; ou Gabriel Orozco utiliza o obxecto rescatado entre pezas perdidas, residuos urbanos, materiais efémeros propios da industria e o consumo para dotar a súa obra de grande orixinalidade e eclecticismo; Edward Weston foi capaz de reflectir a beleza propia do obxecto en si. Weston dota as súas obras dunha estética tremendamente persoal situándoos en escena sobre un fondo particular e cunha iluminación moi determinada. A mirada do autor é capaz de converter os obxectos protagonistas das súas obras, como as súas coñecidas verduras, en esculturas, en corpos humanos en movemento, en elementos arquitectónicos. E, con todo, calquera espectador darase conta de como o autor converte como por encantamento un esixente labor creativo na exposición de obxectos sinxelamente retratados. Mentres consegue unha estrutura estética raiando no construtivismo coas súas imaxes de corpos espidos respectando sempre a beleza feminina, íntima e natural. Afirma con elas a súa crenza de que somos un todo interrelacionado onde a muller pasa a ser unha rama máis, outro arabesco no ambiente.
A admiración por un excelente profesional e, sobre todo, o grande agarimo que temos por unha irrepetible persoa, é o que nos move a acoller esta exposición.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible