Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir á túa axenda
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Mostrar en el mapa
  • Imprimir

Laxeiro Seoane: Cruce de camiños

Debuxos 1930-1950

Cando:

Dende o 19/12/2018 ata o 17/03/2019

Inauguración: 19 de decembro ás 20:00 h

Este evento xa rematou

Enderezo:

Fundación Luis Seoane. Rúa San Francisco 27. 15001 A Coruña

Prezo:

gratuíta

Organizador:

Fundación Luis Seoane

Contacto:

info@fundacionluisseoane.gal

+34 981 216 015

A exposición Laxeiro-Luis Seoane. Cruce de camiños. Debuxos 1930-1950 reúne a dúas das figuras máis importantes e influentes da arte galega do século XX: Luis Seoane (Buenos Aires, 1910-A Coruña, 1979) e José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), dous artistas que contribuíron á dignificación e modernización da plástica galega a través da recuperación, revalorización e difusión de determinadas características presentes na arquitectura, nas tradicións populares, na natureza e na historia de Galicia, coas que construirían unha iconografía propia, mestura de todos eses elementos e tamén de influencias externas, desde a pintura de grandes mestres como Goya ou Rembrandt, no caso de Laxeiro, ata as vangardas históricas europeas ou disciplinas como o deseño gráfico, no caso de Seoane.

Comisariada por Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro, e por Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, Laxeiro-Luis Seoane. Cruce de camiños. Debuxos 1930-1950 nace da colaboración entre ambas as institucións, un proxecto que reúne unha selección de preto de 170 debuxos das súas respectivas coleccións realizados entre os anos 1930 e 1950, dúas décadas fundamentais no desenvolvemento e posterior evolución da obra de ambos os artistas.

A arte e as tradicións populares, as referencias á arquitectura medieval, a utilización da cor como medio de expresión e a reivindicación dunha identidade plástica nacional son algúns dos elementos comúns á produción dos dous creadores galegos. Con todo, máis aló dunha relación de amizade que duraría unha década -Seoane, xunto a Carlos Maside, organizaría no ano 1934 en Santiago de Compostela a primeira exposición individual do pintor de Lalín, retomando o contacto con este moitos anos despois, xa no exilio, en Arxentina, onde Laxeiro participaría nunha mostra colectiva patrocinada polo Centro Galego de Buenos Aires, tamén a cargo de Luis Seoane- as traxectorias e inquietudes de ambos os artistas non poden ser máis dispares no plano artístico e intelectual. A Laxeiro non lle interesa explicar a súa pintura desde un punto de vista teórico, senón o acto de pintar como forma de expresión fundamental, a pintura como forma de vida; mentres que para Seoane os aspectos teóricos son indisociables da práctica artística, como o son a variedade de soportes que utiliza para levala a cabo.

No que respecta á selección de debuxos que protagonizan esta exposición, o primeiro que resulta evidente é a marcada influencia que os movementos de vangarda que se están desenvolvendo en Europa teñen nos retratos que un mozo Seoane realiza de escritores como Carlos Martínez Barbeito ou Ánxel Fole a comezos dos anos 30, ou esa Modista surrealista de 1941. O creador galego mostra nos seus debuxos todo aquilo que lle interesa ou lle chama a atención, envorcando neles a realidade que o rodea. Retrata, ata en tres ocasións, unha novísima Maruja; a artistas e escritores como Juan Gris e Feliciano Rolán, realiza ilustracións para libros e revistas como Cabalgata... Na mostra figuran outros exemplos, como unha selección de imaxes pertencentes ao soado álbum Homenaxe á Torre de Hércules, así como un pequeno conxunto de debuxos realizados con ceras de cores durante a estancia de Seoane en Londres, exemplo da súa destreza neste soporte.

Do mesmo xeito que no caso de Seoane, o debuxo acompañará a Laxeiro ao longo de toda a súa traxectoria. As obras presentes na exposición mostran a súa evolución como artista, e nelas aparecen moitos dos trazos estilísticos e temáticos que caracterizan a súa produción. Escenas populares poboadas por lavandeiras, pescantinas, campesiños e animais, pero tamén a peculiar atmosfera dos cafés e faladoiros, dos que era asiduo, así como un conxunto de escenas cotiás e de bosquexos realizados en interiores, son exemplos dunha sutileza e técnica sorprendentes. O Laxeiro máis recoñecible aparece nos debuxos de máscaras e entroidadas, pero tamén nos seus retratos, especialmente nos que fai de compañeiros e amigos, como os artistas Carlos Maside e Álvaro Cebreiro ou o poeta Xosé María Álvarez Blázquez. O propio artista, a súa familia, protagonizan algunhas das pezas da exposición, na que tamén destacan un conxunto de debuxos, algúns en cor, de paisaxes urbanas e industriais, e que máis aló dos temas descritos, son exemplo da evolución dun creador que, no período que describe a mostra, xa pasou por varias etapas estéticas e acadou a súa madurez plena.

A exposición poderá visitarse na Fundación Luis Seoane ata o próximo 17 de marzo de 2019.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión