Concello da Coruña

Concello da Coruña

POETAS (DIN)VERSOS - 5 novembro 2012

ÁGORA - "Poetas din(v)ersos volve para consolidarse".

Cando:

05/11/2012

Este evento xa rematou

Horario:

20.30 h.

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Rúa Ágora. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada gratuíta ata completar capacidade.

Documentos:

Programa completo (609 KB)

 

As citas mensuais no Ágora co mellor da poesía contemporánea de dentro e fóra de Galicia este luns 5 de novembro contan cun poeta xa case de culto como é Xabier Cordal -nado e formado na Coruña- xunto coa figura revelación da literatura croata, Marko Pogaçar.

O único ciclo estable de toda Galicia que conta á vez con autores locais e foráneos continuará contando coa posibilidade de adquirir in situ os títulos dos convidados/as e solicitarlles a súa sinatura.

MARCO POGAÇAR

Marko Pogaçar naceu en 1984 na antiga cidade iugoslava de Split, actual Croacia. Licenciouse en Literatura Comparada e Historia pola Universidade de Zagreb e actualmente prepara o seu doutoramento. Poeta, ensaísta, narrador e crítico literario, é tamén editor da revista literaria Quórum, e do bisemanario Zarez sobre asuntos sociais e culturais, ademais de batería da banda de post punk “Death Disco”.

Foi galardoado con premios, bolsas e residencias como as de Civitella Ranieri, Passa Porta, Kulturzentrum bei den Minoriten, Milo Dor e Brandenburger Tor, entre outras e, ademais de participar en festivais e encontros literarios por todo o mundo, textos da súa autoría teñen aparecido publicados en máis de vinte linguas.

Autor do libro de relatos Bog neçe pomoçi (Deus non axudará), 2012, e de dúas obras ensaísticas publicadas no 2011, o seu debut literario produciuse no 2006 con Pijavice nad Santa Cruzom (Tornados sobre Santa Cruz) que axiña foi aclamado pola crítica e galardoado coma o mellor poemario publicado no seu país por un autor menor de 35 anos. Seguíronlle Poslanice obi?nim ljudima (Cartas á xente común) no 2007 e Predmeti (Obxectos) no 2009, ademais das antoloxías traducidas da súa obra que se publicaron en Viena (2010), en Belgrado (2010), en Barcelona (2010) e en Skopje (2012), e que veñen facendo del unha das figuras máis representativas e puxantes da nova literatura croata.

TÉCNICA DO POEMA

O primeiro presidente croata é masacrado polo esquezo,
a súa xunta militar por mor de sopa demasiado quente e camareiros mortos
que agora os ignoran; mentres percorro a cidade na dirección
oposta á morte, mentres merco xornais, merco café
nun quiosco, escoito o meu encanto agresivo, o meu carácter suave
e tamén a Haustor, a banda; un croata medio é masacrado pola convivencia,
pola tolerancia, coa súa boca chea de neve– un vasto e lixeiro fume acálmase
onda el e lévao, xunta toda esa caída, a súa
escuridade matutina, con auga que abrolla ao longo do pescozo,
auga, material e suave; a igrexa é masacrada polas constantes citas a
Cristo, por amor, incondicional e duradeiro; un porco desaparece por si
mesmo, vaise encollendo nun charco de respiración, unha presada de sangue fluínte
antes da experiencia; un poema é masacrado por Drago Štambuk; unha nai
como algunhas detalladas gravacións describen; nada permanece nada
ese brillante sol abrasado.


XABIER CORDAL

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Ademais de poeta e de colaborador habitual en prensa galega, este licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade compostelá comezou a exercer como ensinante en 1989. Na actualidade reside no Corgo (Lugo) e imparte aulas no IES da Terra Chá (Castro de Rei).

Xa durante a súa mocidade e dende o ano 1985, participara na fundación do hoxe case mítico colectivo Ronseltz, así coma nos recitais e actuacións do grupo ata a súa disolución, xusto antes de publicar Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994).

De xeito xa individual dá ao prelo os libros de poesía Arianrod (1993), Froito do teixo (1994) galardoado co Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, Afásia (1997), A vella peneira a noite (2001) e o recentísimo transmuta (2012). Ingresa no colectivo Redes Escarlata e colabora no volume Xuro que nunca volverei pasar fame (2003). O resto da súa obra espállase en xornais (O Correo Galego, Galicia Hoxe, Vieiros), revistas literarias, de pensamento (A Trabe de Ouro) e medios sindicais e políticos (Espiral, O Xornal da CUT). Traballa ademais como autor de obras pedagóxicas, compón dende o 2003 letras para o grupo Luar na Lubre e participa no guión do telefilme de Antón Dobao A Mariñeira (2007). Publicacións nacionais e internacionais recollen textos de Xabier Cordal, quen mantén así mesmo o blog Monte Alto (montealto.blogaliza.org).


Flores, por exemplo, non recordo, non sei
se valen os peixes de cores que había encima da vanguard
que mercaron cando nacín. Vivíamos no segundo,
ao redor dun patio cincento, unha sucesión de plásticos
particulares. As veciñas cantaruxaban
sobre eles. Eran gotas soas de auga na tarde inmensa,
a hora que paraba a televisión.
No piso ras do chan dúas vellas
amoreaban leña e varredura. A porta
cheiraba tanto que estaban soas, ou tolas,
como se non vivisen na cidade.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión