Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de setembro de 2017

O bordo litoral e os futuros usos urbanísticos, produtivos ou sociais dos terreos portuarios será un dos temas que se abordarán no obradoiro

A Concellería de Culturas presenta 'Xeografía, memoria e capital cívico', un proxecto que inclúe obradoiros, conferencias e residencias de investigación sobre o contexto da cidade

José Manuel Sande destaca que a iniciativa, que se desenvolverá no último trimestre do ano e que contará coa participación do creador Rogelio López Cuenca, “nace con vocación de continuidade”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou no Pazo de María Pita o proxecto Xeografía, memoria e capital cívico, unha aposta do goberno local "pola reflexión arredor doutros modelos e xeografías de cidade". "Estamos a falar dunha iniciativa única, robusta, con partes ben diferencias e que nace con visos de continuidade", sinalou Sande, en referencia aos tres piares do proxecto, aberto á cidadanía, e que se compón dun taller co artista Rogelio López Cuenca, un programa pioneiro de residencias de investigación e un ciclo de conferencias. "O obxectivo da iniciativa será impulsar a investigación sobre a esfera pública da Coruña, coa idea que, posteriormente, todo o material xerado poida empregarse en novos proxectos, desde exposicións ata ensaios", sinalou Juan de Nieves, un dos comisarios do proxecto promovido pola Concellería xunto a Pablo Fanego. "A idea é traballar no contexto da Coruña desde a esfera pública a través do proceso de pensamento e reflexión da construción das cidades, dándolle relevancia as ideas e ao proceso en si, máis que os propios resultados", especificou de Nieves.

A primeira parte do proxecto será o obradoiro Xeografía, memoria e capital cívico, que estará dirixido por Rogelio López Cuenca. O artista andaluz impulsará, coa colaboración dun grupo de axentes locais, a creación dun 'contramapa' da Coruña, "que mostre unha xeografía da outra cidade, itinerarios que dean conta do seu carácter social, histórico, político e económico e que axuden a entender o municipio doutra maneira", explicou Juan de Nieves, quen avanzou que, con este 'contramapa' como base, "poderían xurdir exposicións de arte público ou diferentes liñas de traballo e investigación". "Interésanos en particular, e así llo trasladamos a López Cuenca, que se traballe o contexto que ofrece o bordo litoral e o futuro do porto, tanto a nivel urbanístico como produtivo, económico e social. Estamos a falar dunha das principais reflexións que se poden poñer sobre a mesa en relación á configuración urbana da Coruña e o cambio radical que sufriu nos últimos anos", sinalou o comisario. A iniciativa desenvolverase entre os días 23 e 27 de outubro na Fundación Luis Seoane, en horario de mañá e tarde. A proposta está aberta a cidadanía en xeral "interesada no entendemento da cidade como espazo de acción e de reflexión crítica", sinalou De Nieves, e en particular a todas aquelas persoas, estudantes ou profesionais, relacionadas coas artes, socioloxía, antropoloxía, historia, cine, arquitectura ou urbanismo, "co obxectivo de acadar un grupo o máis heteroxéneo e multidisciplinar posible". As solicitudes para participar neste taller, que contará cun máximo de 15 prazas, poderá facerse desde esta mesma semana na páxina web da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento (www.coruna.gal/cultura) e até o próximo 6 de outubro, peche do prazo de recepción de solicitudes.

Por outra banda, a segunda parte será a convocatoria de dúas residencias de investigación e creación, que se poderán abordar desde unha perspectiva ampla en canto ás temáticas --tamén en relación aos instrumentos, metodoloxías propios de cada unha das persoas candidatas--, e que deberán tomar o caso da Coruña e da construción da cidade como punto de partida para o desenvolvemento das súas indagacións. O período de residencia --cuxa sede física estará situada na Fundación Luis Seoane-- será desde o 1 de novembro e até o 15 de decembro, e poderán optar a unha das dúas prazas todas aquelas persoas que estean interesadas na mesma --a outra será escollida por López Cuenca-- tamén a través da web municipal. "Estamos a falar dun programa pioneiro en Galicia e no Estado, no que se pon en valor a figura da persoa investigadora e na reflexión, no lugar das realizacións materiais", explicou De Nieves, unha idea na que incidiu tamén Fanego: "Pareceunos máis interesantes achegarnos á outro tipo de artista máis contemporáneo, a figura do investigador, que se nutre do contexto da cidade, que se achega aos seus arquivos e hemeroteca ou que dialoga sobre cuestións de xeografía urbana e política, e que demostra a grande porosidade que ten hoxe en día a arte contemporánea para reflectir calquera problemática", sinalou.

Finalmente, Xeografía, memoria e capital cívico completarase cunha serie de conferencias en relación á problemática de partida, que se abordarán desde diversas perspectivas, como a xeografía urbana, a arquitectura ou propio comisariado de exposicións. Os parladoiros, nos que participarán voces expertas dos distintos sectores, terán lugar no mes de novembro e decembro. Toda a información do proxecto, así como das súas diversas vertentes, estará dispoñible na páxina web www.coruna.gal/cultura

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión